Rueda xustifica a activacion da prealerta pola seca nun "anuncio baseado na prudencia"
Por Marisa Ciordia & Oskar Viéitez
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda referiuse este xoves á decisión acordada pola Oficina Técnica da Seca de activar a prealerta por "escaseza moderada de auga" no sistema do río Lérez, en Pontevedra.
Rueda sinalou que "en Galicia, en xeral, estamos nunha boa situación" pero concretamente na conca do Lérez "é un pouco máis delicada" polo que "o anuncio que fixo onte Augas de Galicia é un anuncio baseado na prudencia".
Os técnicos tomaron a decisión de activar esa alerta "pensando o que podería pasar, é certo que aínda é moi cedo para sabelo, se os meses de setembro e outubro non son chubiosos e houbese unha seca máis prolongada do normal". Ante ese posible escenario, Alfonso Rueda indicou que "hai que tomar medidas agora, non cando o problema está encima da mesa". En todo caso xustifica que "simplemente é un criterio de prudencia, nada máis".
Por tanto o presidente da Xunta trasladou á cidadanía que non hai "nin que alarmarse, nin que preocuparse", e insistiu en que "a administración responsable ten que adiantarse aos acontecementos. Se despois, setembro e sobre todo outubro, son como foron outros anos, pois entón non haberá problemas".
Con todo o presidente da Xunta engadiu que "loxicamente, si, hai que plantexarse algún tipo de adaptación" de cara ao futuro xa que na conca do Lérez "sempre hai que tomar este tipo de medidas".
Despois que a Xunta de Galicia activase este pasado mércores a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores pronunciouse cunha aseveración de tranquilidade: "o abastecemento está asegurado", dicía.
Os datos que reporta o Concello é que o encoro do Pontillón atópase ao 95% da súa capacidade e o caudal do Lérez é similar ao do ano pasado por estas datas, está en 1,43 metros cúbicos por segundo fronte aos 1,3 do 2023.
Con todo, a administración local acaba de aprobar recomendacións sobre o consumo de auga entre a cidadanía. Os consellos pasan pola concienciación dun uso sostible da auga, non encher piscinas nin regas de xardíns ou limpeza de coches; promover a instalación de dispositivos de aforro doméstico; no caso de empresas e industrias, que se faga un uso razoable e no caso dos servizos municipais, moderar os baldeos, regas de xardíns, fontes etc...