O PSOE, máis aló de pedir unha saída da AP-9 en Portosanto, busca a mellora integral das comunicacións en Poio
Por Redacción
O PSOE de Poio considera que a moción presentada polo PP pedindo a creación dunha saída da autoestrada AP-9 en Portosanto non é suficiente e anuncia unha emenda ao texto para solicitar unha mellora integral da rede de comunicacións do municipio.
"Se ben apoiamos esta proposta, que formaba parte do noso programa electoral, consideramos que a veciñanza de Poio merece unha solución moito máis ambiciosa e integral para as súas comunicacións", explican os socialistas.
Para os socialistas, o PP non ten en conta "as necesidades reais" do municipio, pois contar cunha rede viaria moderna e en bo estado "é fundamental para a seguridade da veciñanza".
Os socialistas insisten na "necesidade urxente" de reformar os tramos perigosos da PO-308 para reducir o risco de accidentes e garantir un tráfico máis fluído e seguro.
Tamén apostan pola creación dunha conexión coa autoestrada AP-9 coa vía de alta capacidade V.G-4.8 Campañó – Mosteiro San Xoán de Poio.
As medidas tamén inclúen a reforma urxente da seguridade viaria no tramo da PO-308 entre A Barca, Andurique e Porteliña: "Non é tolerable que a Xunta de Galicia, baixo o goberno do Partido Popular, siga ignorando a necesidade de acometer dunha vez por todas esta reforma vital para a seguridade de todas e todos. Levamos anos reclamando actuacións neste tramo sen resposta por parte da administración autonómica", insisten.
Dende o PSdeG-PSOE de Poio esixen que o Partido Popular "deixe de poñer parches e aborde dun xeito decidido as carencias estruturais do noso concello", pois "é hora de que Poio deixe de ser un municipio de segunda para o PP e se lle dean as solucións reais que a nosa veciñanza precisa".
Relacionadas:
-
Novo chan para o Espazo Municipal do Sartal
Por Redacción |
-
O PP de Poio reclama ao Goberno central unha saída da AP-9 en Portosanto
Por Anxo Lourido |
-
Estudan alternativas para corrixir o proxecto da estrada Portosanto-Campelo e mellorar a seguridade viaria
Por Redacción |
-
A segunda fase da reforma da estrada entre Portosanto e Campelo alcanzará os tres millóns de euros
Por Anxo Lourido |