O serán deste venres 9 de agosto, Pontevedra viviu unha das actividades máis singulares e queridas do verán: ‘Aquí cántase’.
Este evento, organizado pola Asociación Cultural Maravallada, encheu de música e tradición as rúas do Centro Histórico da cidade.
A proposta, que xa vai pola súa oitava edición, consistiu nun percorrido musical por catro prazas emblemáticas de Pontevedra: Curros Enríquez, Praza do Teucro, Rúa Charino (fronte ao Teatro Principal) e Praza de Santa María.
O obxectivo, unha vez máis, estaba claro: cantar e gozar sen complexos, sen necesidade de ser un experto musical, só con ganas de participar e celebrar a cultura galega.
O grupo Maravallada, dirixido por Anxo Xesteira, preparou un repertorio de vinte cancións populares galegas que os asistentes interpretaron acompañados polas letras repartidas polo grupo.
Desde as 20:00 horas, a Treboada do Baixo Miño animou as rúas, convocando a todos a sumarse á festa.
A actividade contou cunha ampla participación de persoas de todas as idades, que encheron as prazas de música e alegría, demostrando unha vez máis que a música tradicional é un vehículo perfecto para unir á comunidade e recibir as Festas da Peregrina, que comezan este sábado, cun espírito festivo e inclusivo.