As atraccións feirais infantís resenten a facturación estival fronte ás do público de máis idade
Por Redacción
"As atraccións de maiores están a traballar relativamente ben, ás infantís está a afectarnos a facturación, baixounos bastante". É o síntoma que sinala neste verán Betty Camarero, pertencente a unha familia galega vinculada desde xeracións a este sector e que é directiva da Asociación de Feirantes de Galicia. "O público que tivemos nós hai uns anos téñeno agora os de maiores. Entre os mozos está de moda ir ás festas, á verbena e subir ás atraccións e por iso están a facturar máis que as atraccións infantís", engade.
A causa, intúe, está na natalidade e quizá tamén "na falta de turismo familiar". Non é algo excepcional ao parecer, "adoitan ser cambios cíclicos, recordo que os meus pais xa o dicían, son cambios que se repiten co tempo", lembra outro nome da familia, Víctor Camarero.
A rendibilidade destes negocios ten factores a favor e en contra, á marxe destas tendencias cíclicas. A favor, no caso da cidade do Lérez, é que "Pontevedra é unha boa praza en canto a público e para o sector é sabido, está dentro do roteiro como feiras grandes de toda a vida" e isto fai que "máis da metade dos feirantes que estamos aquí non son galegos", explica Víctor.
Pola contra, para os feirantes "non é unha feira barata, está entre as máis caras", comenta Betty. Tampouco lles vén beneficiando o cambio de emprazamento para as tiradas de fogos artificiais. "Eran tres días bos porque estaban á beira e a xente ao terminar, subía e quedaba na feira e tiñamos unhas horas punta de traballo", Víctor refírese ao anterior emprazamento de As Corbaceiras, que tras as normas implantadas por Portos de Galicia, fixo que se trasladasen entre a ponte do Burgo e a ponte de Santiago.
E outro elemento, que tanto pode beneficiar como prexudicar e que en calquera caso non é manexable, é a meteoroloxía: "se chove xa non vén ninguén e se fai moita calor a xente xa non se achega ata a noite, e neste caso xa non adoita vir cos nenos", detalla Víctor.
Ás seis da tarde deste próximo venres 9 abrirase o recinto feiral de Alameda e Raíña Victoria. Os prezos nas atraccións infantís está nos 4 euros e en 5 euros entre as atraccións para máis idade.
Relacionadas:
-
O rock máis puro de El Drogas sobe o pano das Festas da Peregrina
Por Redacción & Mosrey Fotografía |
-
Os fogos de artificio iluminan Pontevedra
Por Redacción & Mosrey Fotografía |
-
Teresa Fernández-Valdés, pregoeira: "Imos dalo todo. Vivan as Festas da Peregrina!"
Por Mosrey Fotografía & Anxo Lourido |
-
A Batalla de Flores deste martes obriga a establecer restricións de tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Programa das Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
Pontevedra, "localidade pioneira" con 20 anos de "inspeccións exhaustivas" das atraccións das Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
A Rúa Alameda, pechada polas Festas da Peregrina entre o 7 e o 21 de agosto
Por Redacción |