'Aquí Cántase' para xerar endorfinas a portas das Festas da Peregrina
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O próximo 9 de agosto tocará, á tardiña, xerar endorfinas para entrar ao día seguinte nas Festas da Peregrina 2024. A ocasión tráea un ano máis, e xa serán oito, 'Aquí Cántase' xunto ao grupo de música tradicional Maravallada.
O espectáculo, que forma parte do programa de verán do Concello de Pontevedra, propón máis de dúas horas de goce entre todas aquelas persoas de todas as idades que queiran sumarse. Non se requiren coñecementos musicais, nin voces de canto, unicamente ganas de cantar.
"É a actividade máis especial das festas de verán. Por ser o día previo á Semana Grande e porque é unha actividade onde a verdadeira protagonista é Pontevedra; isto é, Maravalla e as persoas que participan, tanto da cidade como de fóra", sinalaba o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez.
Aínda que o público participante non ensaia, Maravallada coa dirección de Anxo Xesteira, lévao facendo desde o mes de maio e este mércores 31 será o último deles. Teñen preparado un repertorio de vinte cancións que son os "hits da música popular galega" describía o concelleiro.
Para que todas as persoas que tomen parte non se perdan nas interpretacións "repartimos preto de mil letras e se levasen máis, máis se repartirían" explicaban Mirta Díaz e Otilia Carballa, da agrupación musical.
Pola súa experiencia de anos anteriores explicaban que é unha actividade que "é moi querida" e resulta especialmente rechamante para foráneos e visitantes internacionais "que se nos achegan, felicitan e coméntannos que o gozan moitísimo. É evidente que a música rompe barreiras e que se se canta rompen todas".
Desde as 20.00 horas o grupo Treboada do Baixo Miño irá percorrendo rúas e prazas da cidade para ir animando a participación.
A primeira parada para cantar será ás 21.00 horas na praza de Curros Enríquez, ás 21.45 horas seguirán na praza do Teucro, quince minutos máis tarde continuará na rúa Charino fronte ao Teatro Principal e para completar o roteiro, ás 23.15 horas na praza de Santa María.