Queres estudar unha nova lingua? Na EOI de Pontevedra hai unha morea de opcións, coa matrícula aberta!
Queres aprender inglés, francés, alemán, italiano, portugués ou galego? Necesitas unha certificación oficial nalgún destes idiomas? Na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra (EOI Pontevedra) xa está aberto o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2024-2025.
O procedemento é ben sinxelo, seguindo esta ligazón: Matrícula en prazas vacantes ás EOI de Galicia 2024-2025.
Tan só hai que cubrir os datos persoais e seleccionar o idioma no que se desexa facer a matrícula. De xeito inmediato, na plataforma pódense consultar aqueles grupos e horarios onde quedan prazas dispoñibles. Unha vez escollida a opción que máis se nos axeite, procederase ao pago das taxas correspondentes.
As prazas son limitadas, polo que se anima a aquelas persoas que xa decidisen estudar un idioma, formalizar canto antes a matrícula. O período de matrícula abriuse o pasado 20 de xullo e rematará o 20 de setembro.
Ao tratarse dun centro público, as taxas de matriculación teñen prezos pechados para o curso completo: entre 105 euros para os alumnos antigos e os 127 euros para os novos alumnos. Tamén se contemplan descontos dunha parte deste importe ou do 100% da matrícula, dependendo do tipo de alumnado e das exencións ás que poida ter dereito.
En Pontevedra, a sede da Escola de Idiomas atópase na Rúa Celso Emilio Ferreiro, s/n (xunto ao campus universitario da Xunqueira), onde atenderán durante este mes de agosto calquera consulta de luns a venres en horario de mañá, de 9:00 a 13:00 horas (durante o curso académico o horario é continuado de 9:00-21:30 horas) ou no teléfono: 886 159 116, nesa mesma franxa horaria.
OFERTA EDUCATIVA NA EOI PONTEVEDRA
Na EOI de Pontevedra pódense estudar os seguintes idiomas: alemán, francés, galego, inglés, italiano e portugués. Estes cursos ordinarios contan con modalidade presencial (120 horas distribuídas en 2 sesións semanais de 2 horas cada unha) e semipresencial (120 horas distribuídas en 1 sesión semanal de 2 horas e outra de traballo autónomo na plataforma).
Dende o centro lembran que as súas titulacións oficiais puntúan en concurso-oposicións e, no caso dos estudantes universitarios, computan por créditos de libre configuración.
Ademais, tamén se ofrecen outro tipo de cursos non ordinarios, como os cursos para a obtención dos certificados de lingua galega CELGA; curso de Linguaxe Administrativa en liña; cursos do programa a distancia That´s English; e cursos monográficos ou específicos de 60 horas de duración enfocados en destrezas concretas ou colectivos profesionais.
Así mesmo, o alumnado matriculado na EOI pode participar nas múltiples actividades culturais que organiza o centro, como conferencias, presentacións de libros, ciclos de cine, clubs de lectura e de conversa ou concursos.
SECCIÓNS DA ESTRADA, LALÍN E VALLE INCLÁN
Co obxectivo de evitar que a distancia sexa un atranco para aquelas persoas que queren aprender linguas, a Escola de Pontevedra dispón de tres seccións ou subsedes: A Estrada, Lalín e Instituto Valle Inclán (Pontevedra).
A sección da Estrada (con sede no IES Antón Losada Diéguez) ofrece a posibilidade de estudar inglés, tanto en cursos ordinarios como nos monográficos de destrezas orais.
Na sección de Lalín (ubicada no IES Ramón Mª Aller Ulloa) pódense estudar todos os niveis de inglés e francés, o programa a distancia That´s English e cursos de destrezas orais en inglés.
A sección do Valle Inclán (con sede no IES Valle Inclán de Pontevedra) conta con diversas opcións para estudar inglés: cursos ordinarios; curso intensivo de B2.1 e B2.2 para certificar o nivel B2 nun só curso; cursos monográficos de inglés para a conservación e restauración de bens culturais (1º cuadrimestre) e introdución ás destrezas orais do nivel básico (2º cuadrimestre); e o programa a distancia That´s English.
Relacionadas:
-
A EOI de Pontevedra inicia novo curso cunha oferta diversificada en idiomas e modalidades de aprendizaxe
Por Noticia patrocinada |
-
Últimos días para matricularse na EOI de Pontevedra, que estrea espazos e tecnoloxía
Por Noticia patrocinada |
-
Sabías que os certificados da Escola Oficial de Idiomas contan nas oposicións?
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
1.653 persoas estudan na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra
Por Redacción |