Chega á Ferrería a campaña de doazón de órganos e sangue 'Somos olímpicos' con camisetas de agasallo
Por Redacción
Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permanecerá este mércores 31 estacionada na contorna da Ferrería.
Ao seu lado instalarase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todas as persoas que doen sangue recibirán, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña.
Trátase dunha iniciativa dentro da campaña 'Somos Olímpicos', na que se quere sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue durante os meses de verán.
Lembran que durante este período estival existen dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para continuar cos labores asistenciais nos hospitais galegos.
Todos os días precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue.
As vacacións de verán provocan que os doantes habituais se trasladen a outros puntos e é necesario reforzar o chamamento solidario.
Na Ferrería o horario en que o persoal de ADOS atenderá ás persoas que se acheguen á unidade móbil será de 09.30 a 14.30 e desde as 15.30 ata as 21.00 horas.
En 2023, Pontevedra foi a segunda das grandes cidades galegas cun maior índice de doazóns, con 48 por cada 1.000 habitantes e ano.
ADOS recoñece o altruísmo e a solidariedade da poboación pontevedresa e da corporación municipal polo seu apoio a estas iniciativas.
A Axencia de Doazón ten o teléfono gratuíto de información 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue.
Relacionadas:
-
Nuria Cruz, dobre transplantada: "Teño catro riles, o último dooumo a miña amiga Mercedes"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Recoñecemento público ás persoas doantes e ás súas familias: "Un doante pode salvar cinco vidas"
Por Anxo Lourido |
-
Un "amigo invisible" para Estefanía: aparece en América un doante de medula ósea compatible
Por Natalia Puga |