Rexeitamento oficial de Pontevedra á nova tarifa de Sogama, que suporía pagar un millón máis en 2025
Por Redacción
A nova tarifa da empresa Sogama para o tratamento de residuos suporía, para Pontevedra, o pago de aproximadamente un millón de euros máis no ano 2025, ao eliminar a bonificación do 10% existente e subir 20 euros por tonelada. Á vista da situación, o Concello decidiu rexeitala.
Así, aprobou esta semana en Xunta de Goberno unha declaración de rexeitamento á suba e denuncia que se trata dunha decisión tomada por unanimidade.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, sinala que esta medida é un "sablazo" que fará que "a veciñanza pague o fracaso do seu sistema e da mala xestión da Xunta de Galiza".
Ademais, insiste en que o modelo de Sogama é "obsoleto, centralizado e antiecolóxico", como demostra o feito de que "Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda de cumprir cos criterios que marca Europa". A porcentaxe de reciclaxe en Sogama en 2020 foi do 21 %, cando a UE marcaba case o 50 %.
No ano 2023 o canon era de 66,00 euros por tonelada (+IVE), pero estaba suxeito a unha bonificación da recollida separada de bioresiduos, quedando en 56,10 euros por tonelada. En Pontevedra, tratáronse 27.457,26 toneladas e supuxo un gasto de 1.694.387,51 euros.
Coa nova taxa, estímase que neste 2024 subiría 660.000 euros, ata os 2.357.346,06 euros, e que en 2025 chegaría aos 2.659.372,92 euros, preto dun millón de euros por riba do pagado en 2023.