O turismo e o festival Sonrías Baixas leva ao Concello de Bueu a habilitar máis zonas de aparcamento
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/1f9/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64c9200b99-00-aparcadoiro-as-lagoas-1-.jpg)
© Concello de Bueu
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c4a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66a39234af-mapa-aparcadoiros-bueu.jpg)
© Concello de Bueu
A afluencia de turistas, de bañistas aos areais do municipio e o próximo festival Sonrías Baixas urxiron ao Concello de Bueu a procura de máis espazos onde situar estacionamentos públicos durante a tempada estival.
Tras realizar xestións con propietarios para conseguir terreos onde acondicionar aparcamentos, as novas áreas son as seguintes: na zona de As Lagoas, fronte á piscina municipal e detrás do skate park; na rúa A Pedra, engádese outro espazo ao xa existente preto do IES Illa de Ons e no pavillón. Reforzarase a sinalización a fin de facilitar a súa localización para os usuarios.
Ademais, durante o festival Sonrías Baixas, entre o 1 e o 3 de agosto, estará aberto o aparcamento de As Lagoas. Desde o Concello están a acondicionarse os existentes en Pescadoira, na zona do Norte, os dous de Pazos Fontenla, o da rúa Castelao e os existentes na zona portuaria.
Para quen acuda con caravana está a traballarse tamén na adecuación da área de Achadiza, onde se dispón de servizo de baleirado de augas grises e billa de auga. Doutra parte, xunto á Policía Local ultímase un plan de tráfico especial para eses días.
O Concello fai público un agradecemento ás persoas propietarias dos terreos pola súa colaboración e avanza que seguen realizando xestións para engadir máis espazos para o estacionamento de vehículos durante o verán.