![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f80/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669fb53ae2-ydray-visita-2.jpg)
© Concello de Sanxenxo
A primeira fase do novo mercado de abastos de Sanxenxo estará rematada en outubro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9b4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/669f8ec66a-54039299-29f6-474a-b65a-34ed66c54578.jpeg)
© Xunta de Galicia
A principios de outubro, segundo as previsións municipais, estará concluída a primeira fase das obras de construción do novo mercado de abastos de Sanxenxo.
Así o anunciaron este martes o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante a visita a unhas obras que non pararán durante o período estival.
Estes traballos de humanización e mellora da mobilidade que se están a desenvolver na contorna da praza de abastos teñen un investimento de 2,3 millóns de euros. Deste orzamento, a Xunta aporta a cantidade dun millón de euros e o Concello os 1,3 millóns restantes.
Os traballos contemplan o soterramento do tráfico na Rúa Madrid, no treito que vai desde o edificio do mercado ata a intersección coa PO-308, executado xa nun 30%, así como a mellora desta rúa no tramo entre a Rúa Panadeira e a glorieta coa Rúa Progreso.
Ademais, farase dotando á futura zona de novo alumeado, mobiliario e mesmo elementos para o sombreado da zona. En definitiva, a urbanización dunha nova praza pública en superficie e un paso inferior que, ademais de vial de saída, permitirá dotar a zona cun total de 32 estacionamentos subterráneos.
Na segunda e última fase, levantarase un edificio multifuncional acristalado de cinco plantas.
A primeira e segunda planta estarán destinadas ao mercado de abastos e espazo gastronómico e as plantas intermedias dedicaranse á biblioteca municipal e aulas de estudo, servizos sociais e muller. A quinta está pensada como espazo gourmet cunha ampla terraza.
Martínez Allegue subliñou que esta actuación "non só permitirá solucionar o problema de tráfico viario, senón que a vila gañará unha nova e fermosa praza pública para desfrute da veciñanza e dos visitantes".
"Infraestruturas como estas permiten rexenerar espazos públicos, permiten reactivar a vida de barrio. Conseguimos así un equilibrio entre mobilidade e sostibilidade, priorizando o espazo urbano para ás persoas", destacou a conselleira.
Tras a visita ás obras da rúa Madrid, a conselleira desprazouse camiñando ata o Concello, onde foi recibida por concelleiros de goberno e o edil socialista, Fernando Otero, para asinar no libro de honra e manter un encontro de traballo
Relacionadas:
-
Avanzan as obras do mercado de Sanxenxo con máis do 90% do perímetro de seguridade construído
Por Redacción |
-
Inquedanza veciñal ante posibles danos motivados polas obras do mercado de abastos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Muros de contención de nove metros sosterán o novo mercado de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Arrancan con cambios de tráfico as obras da primeira fase do mercado de Sanxenxo
Por Redacción |