Avanzan as obras do mercado de Sanxenxo con máis do 90% do perímetro de seguridade construído
Por Redacción
As obras do mercado de Sanxenxo avanzan vento e popa con máis do 90% do perímetro de seguridade construído. Tal e como adiantou o Concello, "pese ao mal tempo e a complexidade da actuación" xa están listas 70 das 77 pantallas de formigón que rodean o mercado e van ancoradas ao terreo, a 12 e 9 metros de profundidade.
Unha vez finalizada esta actuación, colocarán unha viga de atado que unirá as pantallas e, a continuación, iniciarán o baleirado ata aproximadamente 4,5 metros de profundidade. Tras a retirada da area, prevista para o mes de maio, cimentarán para o encofrado da laxa do teito do soto e o aparcadoiro.
Ao longo destes meses tamén acometeron as canalizacións de cableado eléctrico, as comunicacións e a rede de sumidoiros.
Para esta obra, o goberno galego achegou 1 millón de euros, mentres que o Concello licita, executa os traballos e achega o investimento restante, o que supón algo máis de 1,3 millóns. O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.
O Concello convocou un concurso de ideas para esta execución da que saíu gañadora 'Os luns ao sol', que ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade.
Esta intervención permite reducir tamén o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo. As actuacións recollidas neste acordo centraranse na execución dun paso inferior para o tráfico da Rúa de Madrid, desde o que se dará entrada ao aparcamento do novo edificio do mercado.
Tamén reurbanizarán esa mesma rúa, desde a Rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección coa Rúa Progreso.
Relacionadas:
-
A primeira fase do novo mercado de abastos de Sanxenxo estará rematada en outubro
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta catro proxectos ao Plan +Provincia por valor de case 1,2 millóns de euros
Por Redacción |
-
Recta final na reforma da Praza do Pazo
Por Redacción |
-
Ritmo frenético de obras en Sanxenxo na recta final do ano
Por Redacción |
-
Inquedanza veciñal ante posibles danos motivados polas obras do mercado de abastos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A primeira fase da reforma do mercado de Sanxenxo esperta o interese de cinco empresas
Por Redacción |