Soutomaior prepárase para unha Semana Grande "de primeiro nivel"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Unhas festas "de primeiro nivel". Así define o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a que será a primeira Semana Grande que se celebrará no municipio. Será entre os días 2 e 7 de agosto.
"O que estamos aquí facendo pode marcar a semana grande para xeracións, que os nosos fillos e netos sintan que o que vamos a facer é unha festa que vai a permanecer no tempo", destacou Lourenzo, que considera que "isto vai a ser posible na medida en que creamos neste proxecto".
A festa contará con dous torreiros e dous espazos para a súa celebración, un que será o Torreiro da Feira do Dez en Candán e o outro na contorna da Igrexa de San Salvador.
A I Semana Grande de Soutomaior comeza o venres 2 de agosto co chupinazo inaugural e co espectáculo da Mekánica Rolling Band con pasacalles ata a Igrexa de San Salvador, onde a festa continuará coa música de La Duendeneta.
O sábado haberá unha sesión vermú a cargo de Desconcerto e o prato forte será o directo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre que estarán ás 21:00 horas no Torreiro da Feira do Dez.
O domingo 4 de agosto as asociacións veciñais serán as protagonistas co día da cociña de Soutomaior e o xantar popular, no que haberá showcooking a cargo de cociñeiros da vila.
O luns 5 chegarán as verbenas a esta festa coa presenza dunha das cinco mellores orquestras de España, con La Misión, que actuará a partir das 22:30 horas no Torreiro da Feira do Dez en Candán. E ás 00:15 horas terá lugar o espectáculo pirotécnico de luces.
O martes haberá sesión vermú con Balbuena & Seoane na contorna da Igrexa de San Salvador, un concerto da banda artística de Arcade e unha verbena coa orquestra Cinema no Torreiro do Dez en Candán.
E xa na xornada do mércores 7 despediranse estas festas coa Romaría de San Caetano e cunha sesión vermú na Ermida de San Caetano, no castelo de Soutomaior.
"Non podo estar máis ilusionado, esta festa ten valor en termos festivos pero ten moito valor en termos económicos e creo que Soutomaior vai ter unha festa como se merece", sentenciou o alcalde.