Soutomaior estreará en 2024 unha semana grande de festas en agosto
Por Alejandro Espiño
Instaurar unha semana grande de festas en Soutomaior era, segundo o alcalde, Manu Lourenzo, unha "demanda histórica" da veciñanza. Isto vaise a resolver, a partir do próximo ano 2024. As festas patronais da vila serán entre os días 2 e 7 de agosto.
Así, as dúas parroquias do municipio, Soutomaior e Arcade, contarán cunha festa "insignia e representativa" para dinamizalas e enchelas de actividade.
A Festa da Ostra de Arcade, para Lourenzo é un festexo gastronómico de relevancia internacional "que non só imos manter, senón que imos impulsar"; e a ela sumarase a partir de agora esa semana grande de festas en Soutomaior, coincidindo co patrón desta parroquia, San Salvador.
O alcalde recordou que todos os concellos de dimensións semellantes a Soutomaior contaban con semanas grandes "e agora Soutomaior tamén a terá".
O Concello xa iniciou os trámites necesarios para que a primeira semana grande de Soutomaior, en agosto de 2024, "sente un antes e un despois na historia parroquial do concello, con música, espectáculos e moitas sorpresas que iremos anunciando".
"Xa estamos en contacto coa parroquia de Soutomaior e nas vindeiras semanas e meses comezaremos a falar cos barrios e coas comisións de festas para traballar de maneira conxunta e deseñar unha semana grande de festas que sexa inesquecible", sinalou Lourenzo.