A Festa da Vieira de Cambados despachou unhas 15.000 racións
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A XX Festa da Vieira de Cambados clausurou este domingo unha exitosa vixésima edición. Desde o venres pola mañá ata o domingo pola noite, miles de asistentes pasaron pola carpa gastronómica instalada no Paseo da Calzada para degustar a vieira Porto de Cambados.
En total, a organización liderada pola Confraría de Pescadores de San Antonio, en colaboración co Concello de Cambados, despachou unhas 15.000 racións de vieira, cumprindo as expectativas iniciais máis optimistas.
As colas para adquirir os tickets da festa foron constantes ao longo de todo fin de semana, especialmente durante o horario de mediodía. Nin sequera a choiva da xornada do sábado desalentó aos asistentes, que esperaron a súa quenda nunha fila que, nas horas punta, estendíase polas rúas lindeiras á carpa.
A oferta de racións merecía a pena: empanada de vieiras, vieira tradicional ao forno, arroz meloso de vieira e volandeira e vieira crocante con crema de cabaza especiada. Esta última elaboración, máis nova, espertou gran interese entre os comensais.
Múltiples asistentes interesáronse pola receita da crema, elaborada polo coordinador gastronómico do evento, o cociñeiro cambadés Miguel Mosteiro.
Nesta vixésima edición, a Festa da Vieira estreaba formato. As foodtrucks de edicións anteriores substituíronse por unha carpa gastronómica profesionalizada e organizada por postos, nos que se serviron as distintas preparacións, acompañadas de viños da adega Martín Códax. Esta nova modalidade de festa foi recibida moi positivamente polos asistentes.
Tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, encomiou a organización do evento durante a súa visita na xornada do domingo.
Ademais da oferta gastronómica, a XX Festa da Vieira propuxo numerosas actividades para os veciños e visitantes que se achegaron a gozar da celebración.
En total, ofrecéronse tres mostras de cociña protagonizadas polos cociñeiros Xoaquín Ameixeiras, Miguel Mosteiro e María Cabanas Sanmartín.
Tampouco faltou a música, que animou aos asistentes durante o día e as noites con actuacións da Banda do Sequío, Take it Easy, Óscar Ibáñez & Tribo, Dani Barreiro e a Orquestra Pontevedra.