As confrarías pontevedresas rexeitan a "intromisión" da patronal galega para xestionar o marisqueo
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra considera unha "intromisión" a solicitude da Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) de crear mesas técnicas de traballo para a mellora da xestión do marisqueo ante as dificultades que atravesa o sector derivadas de factores como a caída na produción de moluscos, o descenso de consumo de produtos do mar e as tensións económicas.
A Federación pontevedresa solicitou a convocatoria urxente dunha reunión dos depósitos de marisqueo no ámbito da Federación Galega para analizar e acordar unha posición común.
Nun comunicado difundido este sábado a Federación de Confrarías critica á patronal galega dicindo que "pretenden erixirse nos representantes do sector do marisqueo e decidir xunto coa Consellería do Mar as medidas e actuacións que melloren a xestión e a produción dos bancos marisqueiros".
As confrarías expresan o seu enfado e sorpresa fronte a unha "teórica" Comisión Mar-Industria que non conta entre os seus integrantes con ningún representante da actividade extractiva da pesca de baixura, de altura e do marisqueo, nin tampouco, segundo expón a Federación provincial no seu comunicado, estean representadas outras organizacións asociativas relevantes do complexo mar-industria (Anfaco, Conxemar, Arvi ou o Consello Regulador Mexillón de Galicia, entre outras).
Con todo, sinala a Federación pontevedresa, si forman parte dela representantes dalgunhas entidades bancarias, de empresas do sector enerxético, da distribución alimentaria, algún bateeiro ou o presidente da Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (Agade) que mostran un "repentino interese" pola situación do marisqueo "e a súa actual problemática".
Tras lembrar que a competencia para a xestión marisqueira corresponde á Xunta de Galicia, "con audiencia ao sector afectado" a Federación asegura sentirse "inquieta" ante a "ambigua e indefinida" posición do conselleiro do Mar nesta proposta de constituír unha "mal chamada" Comisión Mar-Industria.
Relacionadas:
-
"Mareas de Vida", o proxecto que pon en valor as mulleres do mar da ría de Pontevedra
Por Noticia patrocinada |
-
Buscan a mellor fórmula para celebrar a Festa da Ameixa nun ano "moi duro" para o marisqueo
Por Redacción |
-
Protesta marítima na ría de Arousa contra a fábrica de celulosa de Altri
Por Alejandro Espiño |
-
O marisqueo na ría, en alerta: "Non hai berberecho nin para facer unha empanada"
Por Alejandro Espiño |