O TSXG confirma a condena dun a ano e medio de cárcere imposta ao propietario dun albergue por agredir sexualmente a unha menor
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condenou a un ano e medio de cárcere ao dono dun albergue como autor dun delito de agresión sexual, de menor entidade, sobre menor de 16 anos.
Ademais, a Audiencia Provincial inhabilitouno durante tres anos e medio para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídas, que conleven contacto regular e directo con persoas menores de idade; e impúxolle a prohibición de aproximarse á menor, ao seu domicilio, centro escolar ou calquera outro no que puidese atoparse, e de comunicarse con ela por calquera medio durante dous anos e medio.
"O que fixo a Sala, con toda corrección, é analizar a conduta do acusado en relación con cada unha das menores cuxa liberdade sexual puido estar en perigo ou ser lesionada na noite de autos. E, dese modo, conclúe que só as accións despregadas sobre a persoa dunha das menores encaixan na tipicidade do delito polo que se sostiña acusación", salienta a Sala do Civil e Penal do TSXG.
Ademáis indica que a absolución dos dous delitos de abuso sexual sobre menor de 16 anos, obxecto de acusación, se baseou, de forma correcta, no principio in dubio pro reo.