Inicio solidario nas 'Mañás de Terraceo' do Obradoiro de Hostalería do Salnés
Por Redacción
Tras a excelente acollida das 'Mañás de terraceo' do pasado verán, volven nesta edición nun novo formato de almorzos e aperitivos saudables, do Obradoiro de Hostalería do Salnés en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro.
As 'Mañás de terraceo' naceron co dobre obxectivo de que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos e de dar a coñecer o seu talento aos hostaleiros da zona, facilitando futuras contratacións laborais.
Este ano, as persoas participantes puideron degustar opcións ricas e saudables como smoothies; muffins con amorodos, arandos e confeitura de laranxa; tortitas de avea acompañadas de froitos do bosque; torradas do norte con pan de centeo e trigo da casa, salmón mariñado, queixo, mango e amorodo; e tostadas da horta con pesto, queixo e tomatitos baby confeitados, todo servido cunha ampla variedade de cafés e tés.
A xornada estivo amenizada pola música en vivo de Marcos Sabor Sax, creando un ambiente acolledor e animado para todos os asistentes.
Todos os donativos recadados irán destinados a proxectos de investigación.
Á xornada asistiron a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Sanxenxo, Paz Lago; o xerente da Mancomunidade do Salnés; e representantes da Asociación Española contra o Cancro.
A próxima cita dos almorzos solidarios será o mércores, 31 de xullo. e no mes de agosto será o turno dos aperitivos nos días 7 e 21.