Pedro Blanco felicita a Caldas polas axudas acadadas para a mellora da carballeira e o parque do Xardín Botánico
Por Redacción
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou a aposta que o Goberno está a facer para a posta en valor do patrimonio histórico con uso turístico en Galicia, que se vén de concretar nunha nova axuda de preto de 9 millóns de euros que vai permitir, entre outras actuacións, a mellora da carballeira e o parque do Xardín Botánico de Caldas cunha achega de 1.452.000 euros.
Nesta liña de axudas tamén se benefician os concellos da Coruña, Boborás e Soutomaior.
O delegado apuntou que Caldas "é tamén un exemplo da obtención de fondos do Plan de Recuperación". Así, lembrou que Iberdrola e Foresa conseguiron entre as dúas 8,5 millóns de euros para levantar unha fábrica de metanol verde e para desenvolver novas liñas de biorresinas ecolóxicas para a fabricación de derivados da madeira a través do PERTE ERHA e o PERTE da Economía Circular, respectivamente.
Tamén repasou co alcalde outras actuacións do Goberno na localidade, como a construción da variante da N-640 ao oeste de Caldas, en fase de estudo informativo e as actuacións de conservación e mellora desta estrada e da N-550 ata o límite da provincia da Coruña, esta última cun orzamento de 8,73 millóns de euros.
Estas iniciativas súmanse a outras como o Programa UNICO, que permitiu levar internet de alta velocidade a 242 negocios e vivendas do municipio que non contaban con este servizo, ou os máis de 80.000 euros para actuacións no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.