A Feira Artesanal de Famelga celebrarase o 27 de xullo na carballeira
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os presidentes das comisións de festas de Valongo, Suso Moldes, e Aguasantas, Ignacio Lorenzo, presentaron a recuperación da Feira Artesanal de Famelga que terá lugar nesta carballeira o sábado 27 de xullo.
Esta iniciativa pretende fomentar a unión social e veciñal, promover a artesanía galega e a gastronomía local complementada pola participación de actuacións musicais a cargo da Banda de Gaitas Foula e Os Trazantes de Tenorio.
Así, a Feira de Famelga contará con postos de artesanía, gastronómicos e atraccións lúdicas para os máis pequenos co fin de que este encontro veciñal, que se prolongará desde as 10 ás 19 horas en horario ininterrumpido, sirva de aliciente para pasar unha xornada de convivencia non só entre veciños de Valongo e Aguasantas senón de toda a contorna.
Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela, esta "é unha iniciativa moi interesante para dinamizar espazos naturais e rurais como a carballeira de Famelga ao tempo que sirve de revulsivo para impulsar a convivencia social e veciñal entre Valongo e Aguasantas e viceversa. Desde o Concello e a Deputación aplaudimos esta actividade que contará con todo o noso apoio a través da intervención das brigadas de limpeza municipais, o Plan Cultural do Concello e Deputación, etc.".
Pola súa banda, Suso Moldes, presidente da Comisión de Festas de Valongo, explicou que haberá unha gran churrascada, a partir das 13:30 horas, a un prezo popular de 12 euros a ración, pero aqueles que queiran degustalo deberán inscribirse previamente nos teléfonos 698 10 91 24 ou 698 77 13 31.
O asado será preparado por membros e colaboradores das dúas comisións de festas e o servizo de bar tamén será atendido por eles.
Juan Perdiz, membro da Comisión de Festas de Aguasantas, destacou a importancia de recuperar unha feira "que se facía antes os días 24 de cada mes e que tiña unha gran relevancia. Agora queremos recuperala e darlle un contido social, de unión entre as dúas parroquias, e tamén para que sexa un espazo para que os nosos artesáns teñan un lugar para presentar as súas creacións e dinamizar económicamente este espazo de beleza incomparable e que é idóneo para albergar unha actividade como esta".
Relacionadas:
-
40 anos de historia van recollerse durante dous días na Mostra Trazante
Por Redacción |
-
Carballedo seguirá tendo caixeiro automático no baixo da casa consistorial
Por Redacción |
-
Un estudo marcará a folla de ruta para adaptar Cerdedo-Cotobade aos requisitos europeos de xestión de residuos
Por Redacción |