Campo Lameiro repetirá andaina solidaria en beneficio da Fundación Andrea
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo Campo Lameiro botará a andar por unha boa causa coa III Andaina Concello de Campo Lameiro en beneficio da Fundación Andrea.
A marcha, que se celebrará o domingo 22 de setembro, foi presentada polo alcalde, Carlos Costa, e representantes da organización.
Contará con tres opcións en función da distancia, cun trazado longo de 24 quilómetros, un intermedio de 14 quilómetros e outro curto de só 8 quilómetros.
Nesta ocasión, por cuestións organizativas, o máximo de prazas será de 600, sendo posible formalizar a inscrición ata o día 12 de setembro a través da web www.sportmaniacs.com.
O custo de participación será de 10 euros, dos cales a metade serán destinados aos fins solidarios do evento, para colaborar á Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais.
"Esta andaina solidaria e de promoción turístico-natural do noso concello estase a consolidar como unha cita obrigada o que nos dá unha grande satisfacción polo que representa esta iniciativa como elemento de dinamización do noso concello ao tempo que se recadan fondos", recoñece o alcalde.
A saída da andaina darase desde a Praza do Concello a partir das 9.00 horas da mañá.