"Absoluta desolación" tras unha fin de semana negra na loita contra a violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Cinco mulleres foron asasinadas en 48 horas en casos que se investigan como violencia machista. O último, coñecido este luns, ocorreu en Alacante, onde segundo informou a Policía Nacional unha muller, de 33 anos, foi asasinada pola súa parella, un home de 36, por disparo de arma de fogo e que posteriormente se suicidou.
A estatística oficial recoñece que ata o momento foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas 21 mulleres e nove menores sen contar con estes últimos cinco, que se atopan en investigación.
Con motivo deste tráxico balance que a violencia de xénero deixou esta negra fin de semana as administracións convocaron concentracións silenciosas como mostra de apoio e solidariedade coas familias das falecidas.
En Pontevedra a concentración máis concorrida foi a celebrada ante a Subdelegación do Goberno, na que participaron concelleiros, deputados, parlamentarios e senadoras do PP, BNG e PSOE, así como representantes da Garda Civil e da Policía Nacional.
O subdelegado Abel Losada expresou a "absoluta desolación", e o "rexeitamento radical" a estes asasinatos, "é un feito insoportable socialmente".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que estes crimes estean a incrementarse polo que "cremos que hai que darlle unha voltiña a este tema porque a pesar de todas as medidas temos que pensar que son insuficientes, non somos capaces de parar esta violencia machista, esta violencia vicaria, ademais, que afecta aos nenos tamén".
"Polo tanto, novas medidas, novas reformulacións de como se está combatindo esta lacra social", insistiu Lores. "Creo que isto é unha cuestión de toda a sociedade", engadiu.
O rexedor quixo que con este acto de repulsa á violencia machista tamén se envíe a mensaxe ás vítimas para que "se sintan arroupadas".
Abel Losada remarcou que a violencia de xénero "é un tema, lóxicamente, multifactorial e hai moitos elementos a ter en conta", sinalou o subdelegado do Goberno en referencia aos elementos de tipo preventivo, ao propio círculo familiar e social das vítimas, ou á educación, entre outros factores.
Pero incidiu Abel Losada nunha circunstancia "especialmente grave" e que sinalou como "un verdadeiro paso atrás que estamos vivindo" que son "eses discursos que tentan relativizar ou minimizar a violencia machista, que tentan travestila en violencia familiar, en fin, facela invisible".
Neste sentido, o subdelegado pediu "unha reflexión a eses que din non vela que hoxe visualicen as cinco asasinadas na última fin de semana".
Relacionadas:
-
Un fallo deixa as vítimas de violencia machista sen o sistema de protección de pulseiras
Por Oskar Viéitez |
-
Once concellos non xustificaron programas financiados contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Tráfico tramita unha denuncia por infracción grave, recollida nun vídeo achegado por un cidadán
Por Oskar Viéitez |
-
O home que disparou á súa ex muller e se atrincheirou na súa casa do Grove, ante 22 anos de prisión
Por Natalia Puga |
-
Novo reto de igualdade para chegar á mocidade: ter Consello Municipal da Muller Nova en todos os institutos
Por Redacción |
-
"Como te sentirías se cando eras pequeno te separaran da túa nai e te obrigaran a vivir co teu pai maltratador?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |