Arantza Portabales marca o inicio das Festas do Carme, "as de todos os que somos de Marín"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Co pregón da escritora Arantza Portabales comezaron por fin as Festas do Carme 2024 en Marín. Foi cun acto celebrado na Alameda, no que a pregoeira reivindicou que "son de Marín aínda que non nacín aquí" e que presume diso cada vez que lle preguntan.
"Non sei se merezo a honra de ter sido elixida para dar comezo ás nosas festas, pero o que si sei é que quedou claro que Son de Marín", asegurou Portabales, que no seu discurso foi citando moitas das cousas que, desde a súa infancia, recorda da vila.
Así, lembrou as súas viaxes no "trole", as súas visitas á biblioteca "que teñen moito que ver coa escritora que son hoxe", as súas subidas e baixadas pola costa dos Paúles, os seus partidos de baloncesto, os días de troula polos bares ou as xornadas de praia en Loira ou Mogor.
Ademais, defendeu que os de Marín "somos xente brava" e que a vila é terra "de danzas, maios, mariñeiros e cigalas", pero sobre todo terra de mar, de aí que quixera ter un recordo especial para os mariñeiros "que están e os que faltan".
O pregón rematou cunha petición aos seus conveciños. "Marinenses, non me queda máis que pedirvos que gocedes das nosas festas, as de todos os que somos de Marín", concluíu.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou pola súa banda que este pregón de Arantza Portabales, á que definiu como unha "gran embaixadora desta terra", é o pistoletazo de saída a unhas festas que para os marinenses "son un punto e aparte no ano, un impás, unha paréntese".
"Nada une máis que o desfrute conxunto", afirmou Ramallo, que considera que estas festas "son un pegamento esencial polo que tamén debemos velar, porque un pobo que sabe desfrutar unido con sentidiño, tamén sabe unirse para construir o seu progreso".
Na súa intervención, a rexedora quixo mencionar a inminente chegada a Marín da princesa Leonor, que iniciará en agosto a súa formación na Escola Naval.
Afirmou que "estou segura de que en Marín se sentirá tan ben acollida como o resto do alumnado que ano a ano ven desde calquera parte de España e do mundo para formarse como oficiais".
"Teñamos orgullo de vivir nun paraíso e nestes días de festa celebremos á Virxe do Carme, sempre coidando de todos e todas nós e especialmente daqueles homes e mulleres do mar que seguen preservando os oficios da nostra in mare fortuna", rematou a alcaldesa.
Relacionadas:
-
Marín honra á Raíña dos Mares
Por Oskar Viéitez |
-
Café Quijano anima a primeira noite musical das Festas do Carme en Marín
Por Redacción |
-
Marín reforza transporte público e espazos de aparcamento para as festas do Carme
Por Redacción |
-
Arantza Portabales será a pregoeira das Festas do Carme de Marín
Por Redacción |
-
Un cadro da pintora Patricia Piñeiro, imaxe das Festas do Carme 2024
Por Redacción |