Cárcere para un administrador de fincas que quedou con case 169.000 euros dunha comunidade de propietarios
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena de dous anos e oito meses de cárcere para un administrador de fincas de Pontevedra que se apropiou de 168.738 euros da conta dunha comunidade de propietarios que o contratou en 2013.
A Sala do Civil e Penal do TSXG confirma así a sentenza inicial, ditada pola sección segunda da Audiencia de Pontevedra e que recorrera o condenado.
O tribunal considera acreditado que, entre 2018 e 2020, o administrador cargou na conta bancaria dos afectados distintas cantidades de diñeiro en favor da empresa -e doutra da que tamén era socio único-, co ánimo de enriquecerse.
Os maxistrados motivan a súa resolución baseándose nas declaracións dunha testemuña que afirma que o procesado lle facía pasar cobranzas que alcanzaban os dez mil euros a cargo da comunidade, sen máis indicación que a de "por obras".
Ademais, o alto tribunal galego corrobora este testemuño co da entón presidenta da comunidade, que nunca chegou a recibir ningunha factura.
O actual administrador de fincas comprobou que había moitos movementos de cargos que non atopaban xustificación e gastos sen documentación e a perita afirmou que os cheques e transferencias non están xustificados porque as facturas proforma carecen de validez legal e fiscal.