Un estudo marcará a folla de ruta para adaptar Cerdedo-Cotobade aos requisitos europeos de xestión de residuos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade encargou un estudo de viabilidade para a definición do modelo óptimo de recollida de residuos no municipio e para marcar a folla de ruta para a implantación do pago por xeración que imporá a Unión Europea a todos os municipios a partir de abril do ano 2025.
O alcalde, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza de traballo coa empresa Novotec Consultores, adxudicataria do contrato para realizar este estudo.
O documento realizará unha diagnose da situación actual e analizará o marco normativo, a situación territorial e socioeconómica e o modelo actual de recollida, ademais de facer un balance económico.
A partir diso, analizaranse distintos modelos e escenarios que leven a seleccionar e dimensionar o modelo máis óptimo e eficiente para Cerdedo-Cotobade que permita cumprir os obxectivos legais e estar á vangarda na recollida de e xestión de residuos de Galicia.
Desta maneira, o municipio adaptarase ás novas esixencias normativas procedentes da Unión Europea, que están baseadas en reducir o peso de residuos, alcanzar uns obxectivos de reciclaxe e a recollida diferenciada da materia orgánica, e á Lei Estatal 7/2022, que recolle que antes de abril de 2025, todos os municipios teñen que ter establecida unha taxa xusta, diferenciada e non deficitaria que permita implantar sistemas de pagamento por xeración e que reflicta o custo real do servizo.
Esta iniciativa é unha das primeiras en Galicia nesta liña e Jorge Cubela valorou moi positivamente esta oportunidade que se presenta de "liderar a vangarda en Galicia da aplicación das normativas europeas de recollida e xestión do lixo" .
O alcalde indicou que teñen como obxectivo "dispoñer dun servizo de recollida feito á medida das nosas necesidades e tendo en conta todas e cada unha das nosas particularidades, sempre coa vista posta no cumprimento da legalidade e na optimización de recursos ao menor custo posible para os veciños e para a propia administración local".