O PP rexeita unha iniciativa do BNG sobre sanidade en Soutomaior e acusa o Concello de "entorpecer" o futuro centro de saúde
Por Natalia Puga
A situación sanitaria de Soutomaior e, sobre todo, do centro de saúde de Arcade, protagonizou este xoves a reunión da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia. Debatíase unha iniciativa do BNG sobre as medidas que o Goberno galego debe adoptar para mellorar a situación de "grave deterioro" da sanidade no municipio e acabou cun cruce de acusacións entre PP e BNG.
A iniciativa nacionalista supón reclamarlle á Xunta do PP incrementar o persoal médico e a cobertura da praza de pediatría de xeito permanente no centro de saúde de Arcade para que o servizo de atención primaria dea resposta acaída ás actuais necesidades da poboación.
Finalmente, o PSOE, a través da deputada Elena Espinosa, apoiou ao BNG "por coherencia" co que votaran no concello e por "principios de defensa dunha sanidade pública de calidade" mentres que o PP votou en contra da iniciativa nacionalista. O grupo municipal do PP en Soutomaior votara a favor.
O viceportavoz segundo do BNG, Luís Bará, denunciou que na actualidade hai tres médicos para atender unha poboación de máis de 7.000 habitantes e advertiu que "non se están a cubrir as baixas e vacacións durante o verán", e que "hai agardas de unha semana e ata dez días".
O deputado pontevedrés recordoulle ao PP que houbo un compromiso manifestado hai case un ano polo xerente da área sanitaria co alcalde de Soutomaior para cubrir a cuarta praza médica no caso de que o concello fixese unha obra de mellora e ampliación do espazo do centro de saúde, pero, a pesar de que o Concello fixo as adaptacións en outubro do ano 2023, "están agardando con que se dote esa praza, polo que hai un incumprimento manifesto por parte do Sergas".
No que se refire ao servizo de pediatría, o deputado pontevedrés advertiu que a situación é "aínda máis grave" porque o centro de saúde de Arcade leva sen pediatra "nada máis e nada menos que 600 días", situación que se está a producir desde que en outubro de 2022 a anterior facultativa colleu unha baixa e a Xunta "non cubriu a súa praza".
A deputada do PP Dolores Hermelo puxo a pelota no tellado do Concello, do BNG, e urxiu a posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para a construción do novo centro de saúde de Arcade, unha actuación que o Sergas xa asinara co anterior goberno municipal do PP pero que, segundo os 'populares', "o actual goberno do BNG está a entorpecer para respaldar a súa teima de que a sanidade en Galicia non funciona".
A deputada sinalou que o novo centro de saúde de Arcade está proxectado na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Galicia, é dicir, a fase para a súa construción máis urxente, pero lamentou que "co novo goberno do BNG o acordo plenario para a cesión dos terreos morreu nun caixón".
Hermelo criticou que o goberno nacionalista de Soutomaior "estea entorpecendo a construción do novo centro de saúde para poder dicir que a sanidade pública galega non funciona, escollendo saír coas pancartas antes que traballar, enchendo de medo á xente e paralizando as melloras sanitarias en lugar de facelas posible".
Así mesmo, manifestou que o Sergas "xa ratificou a necesidade de incrementar un médico de familia e a súa correspondente enfermeira no centro de saúde de Arcade, pero neste momento o actual centro de saúde non pode acoller unha consulta máis pola falta de espazo, o que agrava aínda máis a necesidade urxente de que o Concello ceda os terreos necesarios para o novo centro de saúde".
O nacionalista respondeulle cualificando de "ruindade e falta de respecto ao traballo do BNG e da corporación municipal de Soutomaior, que aprobou cos votos do Partido Popular un acordo semellante a este", en alusión ás acusacións ao BNG por parte do PP de ser o responsable da situación sanitaria que se está a vivir no concello.
Relacionadas:
-
O BNG critica o primeiro ano de goberno do PP en Poio: "un ano de retrocesos"
Por Redacción |
-
Incremento significativo da actividade cirúrxica nos hospitais de Pontevedra e O Salnés neste 2024
Por Redacción |
-
José Flores, xerente da área sanitaria: "Non temos médicos de familia agora en paro para cubrir as vacacións dos titulares"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PSOE esixe á Xunta unha atención sanitaria de calidade no centro de saúde de Arcade
Por Redacción |
-
O BNG rexistra na Xunta o medio milleiro de sinaturas da veciñanza de Soutomaior en defensa da sanidade pública
Por Redacción |
-
O BNG recolle medio milleiro de sinaturas demandando persoal e recursos no centro de saúde de Arcade
Por Redacción |
-
Arcade acolle unha manifestación este venres para esixir máis persoal sanitario no centro de saúde
Por Redacción |
-
O centro de saúde de Arcade cumpre "máis de 500 días" sen pediatra
Por Redacción |