Dous feridos nun accidente laboral mentres traballaban nun guindastre elevador no polígono do Pousadoiro
Por Natalia Puga
Dous traballadores resultaron feridos na mañá deste venres nun accidente laboral rexistrado nunha nave do polígono industrial do Pousadoiro na que traballaban sobre un guindastre elevador.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Emerxencias de Vilagarcía con varios vehículos, o Consorcio Provincial de Bombeiros, axentes das policías Local e Nacional e dúas ambulancias do 061.
O sinistro ocorreu sobre as 9.30 horas da mañá e os dous operarios foron trasladados ao Hospital do Salnés. As lesións, en principio, non teñen maior gravidade, á espera de valoración médica.
Segundo unha primeira valoración, un dos traballadores presentaba unha escordadura nun nocello e o outro tiña erosións, un golpe na cabeza e dor de costas.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, os dous traballadores estaban sobre un guindastre elevador, caeu o hidráulico e quedou torcida. Como consecuencia, os dous resultaron feridos.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o accidente laboral produciuse cando o guindastre elevador sufriu un desnivel de tres metros.
Os dous feridos tiveron que ser rescatados polos bombeiros de Vilagarcía. Desde o servizo de emerxencias indicaron que os dous traballadores estaban a reparar unha nave e, por causas que aínda hai que determinar, cedeu dun dos dous lados.
Os bombeiros tiveron que subir ata o lugar no que estaba o guindastre elevador para realizar un rescate de altura e impedir que o guindastre caese ao chan. Unha vez rescatados os traballadores, baixouse a plataforma de forma controlada.