Ángeles Vázquez presenta as obras de ampliación da rede de saneamento en tres núcleos de poboación de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez desprazouse este mércores 3 ata o concello de Cerdedo-Cotobade para presentar as obras de ampliación da rede de saneamento na Torre Vella. Un proxecto que corresponde ao convenio subscrito entre Xunta e Concello de preto de 380.000 euros a desenvolver entre este ano e o próximo; e que contan con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento
Rural.
A administración autonómica licitou esta actuación por un importe que rolda os 300.000 euros e permitirá ampliar e conectar a rede de saneamento nos núcleos de Covas, A Torre Vella e Río Tenorio. Estas obras dan continuidade ás realizadas recentemente como foi a execución dunha estación depuradora en Tenorio e instalación da rede de saneamento no núcleo de Torre Vella. A posta en marcha das novas instalacións de depuración e saneamento permitirán tratar augas residuais procedentes de oito núcleos de poboación deste municipio.
Vázquez explicou durante a visita que a conexión á rede dos tres núcleos pendentes requirirá executar seis tramos de colectores. Estes conectarán con 38 novos pozos de rexistro a construír e haberá que repoñer servizos e o firme da estrada N-541, que quedarán afectados polas obras.
Os prazos que manexa a Xunta é adxudicar o contrato a comezos do ano próximo e comezar as obras no segundo trimestre, de forma que o proxecto estea terminado nos últimos meses de 2025.