Xuño marchará das Rías Baixas deixando chuvascos durante a fin de semana
Por Redacción
O mes de xuño despídese esta fin de semana mantendo unha liña de ceos parcialmente nubrados con posibilidade de chuvascos, segundo indica o servizo de Meteogalicia.
Este venres 28 espérase unha xornada de inestabilidade atmosférica debido á presenza dunha dina que se despraza desde o golfo de Cádiz cara ao centro da península.
Os ceos presentarán nubes e claros coa posibilidade de chuvascos treboentos localmente fortes, máis probables no interior de Galicia e durante a tarde. As temperaturas moveranse entre os 18 de mínima e os 30 de máxima, con ventos do nordeste.
Ao longo do sábado 29 agárdase unha situación intermedia entre un embolsamento de aire frío en altura e a chegada dunha fronte polo noroeste peninsular. O ceo manterase parcialmente nubrado con chuvascos no leste de Galicia e apertura de claros nas horas centrais do día en moitas zonas da comunidade. O ceo quedará máis cuberto durante a noite na franxa atlántica coa posibilidade de precipitacións.
As temperaturas sufrirán un descenso entre moderado e notable situándose entre 15 e 25 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte con intervalos de moderado nas Rías Baixas.
Xa o domingo 30, último día do mes, a situación intermedia entre altas e baixas presións mantense. Será unha xornada de tempo cambiante con ceo parcialmente nubrado e con momentos de alternancia de nubes e claros.
Nas primeiras horas existe a posibilidade de choivas na franxa atlántica e pola tarde rexistraranse chuvascos en zonas do interior de Galicia. As temperaturas continuarán entre 13 e 24 graos nas Rías Baixas. O vento soprará frouxo de dirección variable pola mañá e moderado de compoñente norte durante a tarde.
O inicio de xullo producirase coa entrada dun anticiclón, que deixará estabilidade atmosférica, tempo seco e temperaturas que oscilarán entre 12 e 27 graos na provincia de Pontevedra.