Arantza Portabales será a pregoeira das Festas do Carme de Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A escritora Arantza Portabales, considerada como a nova dama da novela negra, será a pregoeira das Festas do Carme de Marín, que se celebrarán entre os días 12 e 16 de xullo.
Para a alcaldesa, María Ramallo, "é unha pregoeira de luxo, que nos permite traer de novo a esta vila a alguén con talento, con paixón e que ten un enorme cariño a Marín e á nosa xente".
Portabales, nacida en San Sebastián froito da emigración de seus pais, retornou con eles a Marín en 1985, o lugar onde ten as súas raíces e no que pasou a súa adolescencia.
Formada en Dereito e traballadora como funcionaria de escala superior na Xunta de Galicia, os seus primeiros contactos coa literatura foron a través do microrrelato.
Sobrevivindo sería a súa primeira novela, publicada en 2015 pola editorial Galaxia e que se erixiu como vencedor do XV Premio de Novela por entregas de La Voz.
No 2017, a traducción de Deixe a súa mensaxe despois do sinal ao español pola editorial Lumen só foi o inicio da internacionalización de Portabales coma escritora, sendo máis adiante traducida tamén ao italiano, o hebreo e o alemán. Tamén foi adaptada ao teatro pola Compañía Tanttaka.
Despois chegou Beleza vermella, a súa incursión na novela negra e a primeira entrega dunha saga que vén de continuar con La vida secreta de Úrsula Bas, saída ao mercado en 2021 e que continúa a historia dos inspectores Abad e Barroso.
O pasado ano publicou El hombre que mató a Antía Morgade e está traballando nun novo título no que Marín, tal e como pasa no resto da súa obra, estará moi presente.
PROGRAMA COMPLETO DAS FESTAS
O Concello anunciou ademais que xa está dispoñible o programa do verán por días, a través da ligazón www.concellodemarin.es/veranmarin.
A partir de mediados de semana repartiranse programas de man para que ninguén se perda as actividades que están preparadas para os próximos meses.