A prevención do narcotráfico nas rías de Pontevedra e Arousa está en perigo, segundo o PSOE
Por Redacción
O deputado socialista por Pontevedra Guillermo Meijón rexistrou no Congreso unha batería de preguntas parlamentarias, orais e escritas, coas que denuncia que "a modificación das quendas da Garda Civil do Mar para reforzar as quendas de terra pode supoñer efectos negativos nas actuacións policiais dirixidas a previr e erradicar o narcotráfico nas rías de Pontevedra, Vigo e Arousa, así como en labores humanitarios de auxilio de embarcacións ou tarefas de rescate".
Meijón sinala que "as novas quendas impostas implican non obstante un desmesurado incremento das quendas de terra en tarefas que xa realizan outros axentes, como os do servizo fiscal da Garda Civil ou os do Seprona, ou mesmo funcionarios de distintas administracións"
Pola contra apunta, que "as lanchas da Garda Civil están a pasar longos períodos de tempo amarradas na súa base e, practicamente, no mes de febreiro non realizaron ningunha patrulla".
Por iso, Meijón pide explicacións ao Goberno e solicita "que explique se é razoable dedicar o equipo da Garda Civil do Mar de forma case exclusiva a labores secundarios a custa de imposibilitar a súa actuación nas funcións principais para as que foi creado este Corpo".
Así mesmo, quere "que o Goberno aclare se isto se debe a unha política de redución nos gastos, aínda a custa de minguar de forma notoria a prestación de funcións esenciais da Garda Civil".
Con estas iniciativas parlamentarias, o deputado pontevedrés esixe ademais "que tanto o Delegado do Goberno de Galicia coma o Subdelegado do Goberno en Pontevedra adopten medidas que corrixan esta situación".
O deputado socialista pídelle ao Goberno así mesmo "que reflexione sobre as causas" do anómalo número de baixas do equipo da Garda Civil do Mar na provincia de Pontevedra, que chega a alcanzar ás tres cuartas partes dos efectivos.
Deste modo, pídelle ao Goberno, ao Delegado en Galicia, ao Subdelegado en Pontevedra, e ao propio Rajoy, que "escoiten os seus funcionarios, escoiten os traballadores, escoiten á cidadanía".