![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9ad/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66759c958b-20240619-patxot-urbanizacion-fuensanta-0966.jpg)
© Mónica Patxot
Entre ratas, verteduras e equipamento abandonado, os veciños de Fontesanta claman unha solución
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/279/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66759c95b1-20240619-patxot-urbanizacion-fuensanta-0967.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c98/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66759c966d-20240619-patxot-urbanizacion-fuensanta-0971.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7b3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66759c940a-20240619-patxot-urbanizacion-fuensanta-0957.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/bc8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66759c9484-20240619-patxot-urbanizacion-fuensanta-0960.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/868/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66759c94d2-20240619-patxot-urbanizacion-fuensanta-0962.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8ee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/667595e682-02.jpg)
© Residentes Urbanización Fontesanta
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/10c/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/667595fa96-01.jpg)
© Residentes Urbanización Fontesanta
Foron noticia en 2021, cando contaban que "as ratas dos sumidoiros cómennos os cables, quedamos sen Internet e quedaremos sen luz". Tres anos despois, achegámonos á pontevedresa Urbanización de Fontesanta, situada na proximidade do Hipermercado Carrefour en Salcedo, avisados polos residentes que admiten "non poder máis". Neste tempo "o Concello non fixo nada, só limpou a rúa de acceso, pero a sucidade e a deterioración en todas as outras rúas continúa", completan estes veciños.
Nesta ocasión, recibe a PontevedraViva son un grupo de catro veciños: Mariló, Carmen, Ovidio e Javier. Representan a todos os residentes. Un dos puntos críticos, afirman, atópase nas pistas deportivas municipais, en estado de abandono dende que en 2012 a obra foi recepcionada polo Concello de Pontevedra e as dúas canchas de tenis e unha de pádel pasaron de ser privadas e coidadas polos residentes a públicas.
Tal é a deterioración desta área deportiva que podería chegar a producirse un accidente debido a que as mallas do valado perimetral soltáronse da súa suxeición e, oxidadas, caen cara ao exterior, con perigo de desprendemento en días de vento forte.
Xunto a estas pistas, atopámonos unha zona verde onde o Concello levou a cabo recentemente tarefas de roza, aínda que para os residentes falta un mantemento máis continuado, ademais da necesidade de dotala de bancos e papeleiras. Este pequeno parque é lugar de visita habitual para os habitantes do barrio de Fontesanta, un núcleo edificado a mediados do século pasado con vivendas de Protección Oficial.
Este barrio linda coa urbanización. Iván é un dos seus habitantes. Atopámonolo mentres pasea o seu can. Este cidadán corrobora as queixas dos residentes na urbanización. Ademais, engade outra experiencia persoal, que vive habitualmente cando no seu roteiro co seu can atópase a grupos de rapaces reunidos nunha sorte de bancadas xunto ás pistas deportivas.
"Adoitan estar bebendo e supoño que fumando porros, iso é o de menos, o preocupante é que lanzan as botellas ás pistas e ao camiño, xa vedes que está todo cheo de cristais e calquera pode facerse moito dano", comenta Iván.
As beirarrúas tamén arrastran a falta de mantemento. "Somos os propios veciños os que imos limpando e arrincando as herbas diante dos nosos muros, cando debería ser o Concello o que se faga cargo", laméntase Carmen. "Polo menos arranxaron antes das eleccións algunhas baldosas", anota Ovidio.
Que os propios residentes se fagan cargo do mantemento non é novo. Dende hai anos asumen a limpeza das tres vías peonís empedradas que cruzan a urbanización e que, nos meses chuviosos, debido ás malas herbas e o verdello son totalmente impracticables. "Contratamos a limpeza destes camiños cada tres ou catro meses e cústanos mil euros cada vez, tamén plantamos uns arbustos", aclara Mariló. O último destes traballos foi hai escasas semanas.
Camiñando pola calzada tamén se aprecia o firme irregular, con perigosas fochancas, "máis dunha moto levouse un bo susto", argumentan. Un dos máis rechamantes atópase na rúa Fotógrafo Pintos, xunto a un dos lombos que fai uns tres anos se instalaron nas estradas da urbanización e que provoca que os motoristas, os principais damnificados, se topen de bruzos con este obstáculo unha vez superada a subida e baixada polo lombo redutor de velocidade. "A calzada leva 26 anos sen tocar e de súpeto póñennos estes lombos", apunta Ovidio.
Este veciño retrotráese aos anos 90, cando empezou a parcelarse a urbanización e a levantar as primeiras vivendas. En 1999 foi Javier o terceiro propietario que tomou posesión do seu chalé. Como membro da directiva da asociación de veciños está a recompilar toda a documentación dos últimos 12 anos de loita para poder retomar as reclamacións ao Concello, despois de anos de escritos por Rexistro e visitas aos técnicos municipais que nunca deron froitos.
"Non estamos a pedir nada que estea fora da legalidade. Queremos o mesmo que teñen os demais cidadáns"
Explica Javier que o problema arrinca moito máis atrás do momento da recepción da obra en 2012. Foi a promotora a que tivo os seus primeiros encontróns co Concello, nos últimos anos 90, xa que "o proxecto que entón presentou a promotora, hoxe xa desaparecida, non se correspondía coas obras realizadas". Os principais damnificados foron os compradores, que descoñecían que o proxecto estivese "viciado". Durante unha década víronse obrigados a pagar a auga de obra, cun incremento notable con respecto ao prezo que abona calquera usuario particular. E máis recentemente tiveron que ceder ao Concello parte dunha parcela comunitaria destinada a zona de recreo, piscina e local social. "A partir disto tamén tivemos problemas de alturas e de edificabilidade", matiza.
En todo caso, lembran estes propietarios que eles cumpriron emendando todas as irregularidades que foron detectando. Agora, simplemente piden que o Concello cumpra coa súa parte. "Non estamos a pedir nada que estea fora da legalidade. Queremos o mesmo que teñen os demais cidadáns. Somos unha rúa, unha vía pública, e queremos limpeza. Nada máis", sinala.
Mariló intervén para lembrar que "todos pagamos puntualmente os nosos impostos, eu pago un IBI de 1.200 euros e a miña veciña de enfronte 2.200, evidentemente pagamos tanto porque temos moitos metros cadrados, pero, aínda así, como todos os cidadáns, ese pago implica o dereito ao mesmo mantemento que ten unha persoa que viva en Benito Corbal ou en Eduardo Pondal, por exemplo".
Entre estes impostos, a taxa de lixos, unha nova fronte aberta nesta urbanización. "Moveron os contedores e agora están nunha zona máis escondida, hai moitos farois fundidos de hai máis de dous anos e de noite apenas se ve. Case a diario atopámonos con verteduras incontroladas de restos de obra, colchóns, váteres, mobles e todo tipo de aveños, cansámonos de chamar á Policía Local, cada certo tempo retíranos pero aos dous días volve outra vez para aparecer máis lixo", quéixanse.
Case a diario atopámonos con verteduras incontroladas de restos de obra, colchóns, váteres, mobles e todo tipo de aveños
Estes contedores conviven coa maleza que ocupa a parcela que discorre dende a rúa Eduardo Blanco Amor ata un longo tramo de Escultor Acuña. Estes terreos pertencen a Adif, "que os ten completamente abandonados", polo que os residentes piden que o Concello poida instar a este organismo público para que respecte unha servidume de paso e que, en caso de non estar disposto a levar tarefas de limpeza e mantemento da parcela, a ceda para a dotación dun parque público. "Esta maleza, que alcanza varios metros, é o foco de onde saen as ratas, serpes e unha chea de bichos, ademais dos problemas que provoca a herba da pampa que campa ás súas anchas".
Recentemente, un camión de grandes dimensións derrubou parte do valo, polo que estes veciños tamén alertan sobre a necesidade de que se limite nesta zona o tránsito de vehículos de gran tonelaxe, e mesmo que se coloque unha sinalización vertical de límite 20.
En 2022 o Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha moción no Pleno da Corporación onde solicitaba "adoptar medidas urxentes de mantemento e mellora do barrio de Fontesanta e, segundo nos confirmaron, foi aprobada unanimemente, aínda que, a día de hoxe, seguimos sen ter avances".
O mesmo PP interesouse recentemente polo estado do barrio e os concelleiros Silvia Junco e Iago Acuña asistiron a unha reunión de veciños tomando nota das súas demandas. Mentres estes residentes redactan un novo escrito documentado no que requiren o Concello para que lles conteste cales son os plans para o barrio e se esas "medidas urxentes" de hai dous anos está previsto aplicalas en breve, o PP estuda volver levar o tema a Pleno.
Deterioración das zonas públicas da Urbanización Fontesanta
Os veciños da Urbanización Fontesanta denuncian que o Concello de Pontevedra non realiza o mantemento das zonas catalogadas como "equipamento público municipal": pistas deportivas, beirarrúas, estradas e zonas verdes.
© Mónica Patxot