O colexio de Marcón ten 19 novos ciberexpertos co reto de trasladar á familia o uso seguro das novas tecnoloxías
Por Redacción
Os 19 alumnos e alumnas de sexto de primaria do CEIP de Marcón recibiron este mércores os seus carnés de 'ciberexperto' que acreditan que superaron as accións formativas sobre ciberseguridade enmarcadas no Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos.
Neste caso, a formación impartírona axentes da Policía Nacional, pero en toda a provincia as accións formativas corresponden tamén á Garda Civil e os dous Corpos policiais formaron o curso pasado a 34.500 estudantes pontevedres.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, fixo entrega dos carnés acompañado polo comisario provincial, Juan José Díaz; e pola directora do centro educativo, Carmen Lens.
Ademais de felicitar o alumnado pola superación deste curso, Losada insistiu na importancia de coñecer as vantaxes e os riscos que implican o uso das tecnoloxías e animou aos estudantes a transmitir os coñecementos adquiridos ao resto de alumnado do colexio e á súa contorna familiar, para axudar a pais, nais, avós e avoas no uso das novas tecnoloxías.
O subdelegado insistiu na necesidade de reforzar a participación dos proxenitores nas sesión do Plan Director mediante a celebración de sesións conxuntas, garantindo así o incremento da afluencia e lembrou que a Subdelegación está tratando de promover de maneira pioneira de cara o próximo curso a convocatoria de charlas especificamente dirixidas ao colectivo de nais e pais, pois son os que menos se involucran neste plan a pesar de xogar un papel fundamental na educación e prevención fronte os riscos de internet na infancia.
Relacionadas:
-
Máis ciberexpertos: 29 alumnos do colexio Cabanas
Por Oskar Viéitez |
-
Alentan aos escolares ciberexpertos a formar ás súas familias sobre os perigos da internet
Por Oskar Viéitez |
-
Catro colexios e 71 novos ciberexpertos con carné
Por Redacción |
-
O alumnado de sexto de Primaria do CEIP Carballal obtén o carné de ciberexpertos
Por Oskar Viéitez |
-
Recoñecen co carné de ciberexpertos ao alumnado de 6º de primaria do colexio marinense San Narciso
Por Redacción |