Antitaurinos denuncian unha becerrada con alcol en Pontevedra
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denunciou este mércores a convocatoria dunha “becerrada popular” na praza de touros de Pontevedra, prevista para o vindeiro sábado 29 e con acceso condicionado a unha invitación.
Os abolicionistas sinalan que "estas actividades taurinas son dunha extrema violencia, onde touros ou vacas de ata dous anos, crías, son torturadas ata a morte por afeccionados sen competencias reais en materia taurina, o que engade crueldade a todo o evento".
Galicia, Mellor Sen Touradas apunta que, a pesar de que o cartel promocional prohibe o acceso de persoas menores de 12 anos, como fixa a Lei de Espectáculos de Galicia, "os preadolescentes e adolescentes poderían presenciar todo o acto, onde estes bóvidos evidencian mostras de sufrimento e dor, contribuíndo a insensibilizarlos".
Os antitaurinos engaden que esta actividade "promovida por unha ultraminoría, as penas taurinas de Pontevedra", ofrécese con "bocatería, bar e música", polo que interpretan que "existirá presenza de alcol na mesma e persoas menores de idade sen que se mostre un control alleo á propia organización".
A plataforma considera que a Xunta de Galicia non debería outorgar permiso algún para a realización da becerrada "por todos os factores negativos" e enumeran "Violencia sobre animais, presenza de persoas menores de idade e unha perigosa combinación con bebidas alcohólicas, non existindo verificación independente do que alí suceda nin presenza de forzas de seguridade".
Galicia, Mellor Sen Touradas lanzou ademais a campaña Non ás crueis becerradas!, expoñendo casos de convocatorias anteriores ao longo da xeografía española que foron denunciadas "pola crueldade á que se someteu aos pequenos bóvidos".
Decenas de internautas xa se manifestaron contra esta práctica, instando as autoridades a vetala.