"Crías de touro indefensas van ser torturadas ata a morte só por diversión"
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8d5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66802f04b8-20240629-saiz-praza-toros-touradas-fora-mobilizacion-becerrada-2-.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/318/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66802f2119-20240629-saiz-praza-toros-touradas-fora-mobilizacion-becerrada-1-.jpg)
© Cristina Saiz
"Crías de touro indefensas van ser torturadas ata a morte só por diversión". Esta foi unha das mensaxes que este sábado puideron lerse na concentración de protesta organizada no exterior da praza de touros de Pontevedra para amosar o "total rexeitamento" á becerrada que organizou no interior do coso.
Catro colectivos, Touradas fóra de Pontevedra, Irmandade Antiespecista, Loita Raposa e AGA, mobilizáronse no exterior para facerse ver cando empezaron a chegar os asistentes a este "cruel espectáculo", equipadas con carteis de todo tipo e tamén sangue artificial para simbolizar a dor que sofren os becerros que participan na actividade.
Trátase, segundo os manifestantes, dun "espectáculo bárbaro que torturará e asasinará a varios animais de varios meses e até dous anos de idade". A previsión era que foran dous os becerros usados nesta actividade e os catro colectivos quixeron visibilizar o sufrimento destes animais.
"Empezamos coa tortura animal en Pontevedra", lamentou en nome dos manifestantes Vicky Estévez, de Touradas fóra de Pontevedra, en alusión a que esta becerrada é "un preludio da feira taurina" que cada ano se celebra en agosto na cidade. Xusto este sábado, presentouse o cartel deste 2024.
Os catro colectivos piden que a Xunta deixe de "permitir estas barbaries", pois a Lei de Benestar Animal é a que debería prohibir este tipo de becerradas. "Hoxe van maltratar e asasinar dous becerros simplemente para divertimento, como pasa sempre", denuncian, insistindo que están totalmente en contra de todo tipo de maltrato animal.
Con esta protesta pretenden "facer presión" e denunciar o sufrimento dos dous becerros, que son "dúas crías de touro apartadas da súa nai" que están na praza "pasando terror" e "un pánico tremendo" e "dor".
Touradas fóra de Pontevedra confirmou que este ano repetirán a súa habitual manifestación antitouradas do verán o 10 de agosto.
De cara a esa feira taurina, insisten en que "hai moi pouca xente moza que se manifeste a favor das touradas" e "Galicia non é unha comunidade taurina para nada". De feito, aseguran que cada agosto chega a Pontevedra xente de toda Galicia porque é a única cidade galega con feira taurina e "aínda así non conseguen encher a praza".
Para rematar, Vicky Estévez manifesta un desexo de futuro. "Esperemos que cada vez vaia a menos e nós a máis".