Máis de 1.200 expertos debaten en Pontevedra sobre decrecemento e transición ecolóxica
Por Redacción
Máis de 1.200 académicos, investigadores e activistas, procedentes de numerosos países europeos, pero tamén de Estados Unidos, Brasil, África do Sur, Xapón ou Nova Zelandia congréganse esta semana en Pontevedra con motivo da ESEE-Decrecemento 2024.
Este evento engloba a décimo quinta Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento. É a segunda vez que as dúas conferencias se desenvolven de xeito conxunto.
Organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Post-Growth Innovation Lab, este congreso internacional celebrou na tarde deste martes no Pazo da Cultura o seu acto inaugural, que daba inicio a catro días de debate sobre sostibilidade económica e social, cambio climático e transición ecolóxica.
Trátase ademais dunha das edicións con maior participación, como lembrou no acto inaugural o director do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera. O investigador definiu como "unha gran vitoria científica" que nos próximos días as diferentes sesións académicas acollan a presentación de preto de 950 estudos, "o que significa que a economía ecolóxica e o movemento do decrecemento teñen algo que dicir á comunidade académica".
Pansera lembrou tamén que ciencia, tecnoloxía e innovación son os eixes temáticos desta edición, co propósito de pór o foco en que o seu desenvolvemento non poder estar ligado "a un crecemento económico infinito, que é social e ambientalmente insostible".
Neste acto interviu tamén o presidente da ESEE, Dan O´Neill, que explicou que o obxectivo desta sociedade é "mellorar o coñecemento das relacións entre os sistemas económico, ambiental e social", cun obxectivo tanto científico como de contribuír "a mellorar a calidade de vida das persoas en todo o mundo".
A inauguración completouse coas intervencións da Universitat Autónoma de Barcelona Brototi Roy e Giorgios Kallis, membros do grupo de apoio da Conferencia Internacional de Decrecemento.
A continuación tivo lugar a primeira sesión plenaria, centrada no papel da ciencia e a tecnoloxía no contexto do decrecemento na que interviñeron Samer Abdelnour, da Universidade de Edimburgo, e Annapurna Mamidipudi, da Universidade Técnica de Berlín, con Tess Doezema, da Autónoma de Barcelona, como moderadora. Un segundo coloquio propuxo unha introdución á economía ecolóxica e o decrecemento.
Finalmente, esta xornada inaugural completouse cun concerto do pianista Abe Rábade, centrado no seu proxecto Botánica, precedido á súa vez da conversa que o músico mantiña con Giorgios Kallis e coa investigadora do Post-Growth Innovation Lab Sofia Greaves.
Na mañá do mércores os diálogos plenarios trasládanse á carpa da conferencia, situada na illa das Esculturas e poderán seguirse en directo de xeito virtual. As políticas de materiais e a industria do plástico serán o eixe temático desta sesión, na que participarán Ekaterina Chertkovskaya, da Lund University; Alice Mah, da Universidade de Glasgow, e Vincenzo Pavone, do CSIC.
Ao día seguinte, o debate afondará no concepto da economía circular, coas intervencións do representante da Comisión Europea Hans-Christian Eberl e dos investigadores Kersty Hobson e Andrea Genovese, das universidades de Cardiff e Sheffield, respectivamente. Tamén o xoves, Ugo Vallauri e Blanca Callén, da Autónoma de Barcelona, afondarán na democratización da tecnoloxía, nun coloquio conducido por Javier Lloveras, do Post-Growth Innovation Lab.
Finalmente, o venres 21 terán lugar as dúas últimas sesións plenarias, que proporán visións alternativas da idea de innovación e conectarán cambio climático e decrecemento. Na primeira intervirán Adrian Smith, Andrea Jiménez e Alejandra Boni, das universidades de Sussex, Sheffield e Politécnica de Valencia, respectivamente, mentres que a segunda conversa contará coa intervención do director do servizo climático do programa europeo Copernicus, Carlo Buontempo, xunto con Pansera e Julia Steinberger, da Universidade de Lausanne.
Na mañá do mércores arrancará tamén o programa de sesións académicas, conformadas por preto de 200 mesas, que se desenvolverán de xeito simultáneo en máis dunha vintena de aulas e seminarios da Escola de Enxeñaría Forestal, da Facultade de Fisioterapia, do edificio que comparten Comunicación e Dirección e Xestión Pública e do Pazo da Cultura.
Nesta programación insírese tamén o Espazo Xove, no que estudantes de cinco institutos da cidade presentarán os resultados das investigación sobre o futuro de Pontevedra que desenvolveron no marco do proxecto Postgrowth S.A., promovido co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
ACTIVIDADES ESPALLADAS POLA CIDADE
A actuación de Abe Rábade inseríase á súa vez no programa social desta conferencia internacional, que engloba máis dunha vintena de actividades en diferentes espazos da cidade. Abertas á cidadanía, abrangue propostas como a proxección do filme Alter Nativas: Construyendo Futuros Posibles, este mércores no Teatro Principal, e a mesa Partidos políticos e sindicatos ante o Decrecemento, que terá lugar o xoves 20 no Museo de Pontevedra e que será tamén retransmitida en directo. Tamén na tarde do xoves terá lugar na alameda a protesta e celebración do Día Mundial do Decrecemento.
Finalmente, o venres este programa social porá peche, na carpa instalada na illa das Esculturas, a unha semana de actividades. Farao co faladoiro Decrecemento ou barbarie, no que intervirán Antonio Turiel, Alicia Valero e Jaume Franquesa, e cun festival musical no que actuarán os grupos de Xeración Sónica, coordinados por Estudo Bonobo, e Familia Caamagno.