Moraña abre o prazo de reserva dos 175 lotes da Festa do Carneiro ao Espeto
Por Redacción
O Concello de Moraña vai abrir o vindeiro venres, 21 de xuño, o prazo de reserva dos lotes de asado para o xantar popular na Carballeira de Santa Lucía, que se celebrará o próximo domingo 28 de xullo e que constitúe o acto central da LV Festa do Carneiro ao Espeto.
O Concello de Moraña pon á venda cada lote a un prezo de 400 euros, o que supón unha media de 20 euros por cada un dos vinte comensais do grupo, e os mesmos deberán abonarse en calquera das tres oficinas bancarias do municipio –Abanca, Santander e Caixabank–.
Desde o goberno local aclaran que, como de costume, as reservas aceptaranse por rigorosa orde de pago e o prazo permanecerá aberto ata o venres 19 de xullo agás que se esgoten con anterioridade os lotes e o espazo na carballeira, que soe ser habitual polo crecente éxito desta exaltación gastronómica.
Cada lote inclúe un carneiro asado de entre 12 e 14 quilogramos, unha empanada de trigo de zorza e outra de bacallau con pasas, catro moletes de pan, unha ducia de botellas de viño tinto do país, outra ducia de botellas de auga, unha botella de salsa especial para o asado, café, augardente e servizo de mesa.
Ademais, ante calquera dúbida, o persoal municipal atenderá aos veciños e visitantes na casa consistorial ou a través do teléfono 986 553005 entre as 9.00 e as 14.00 horas e por medio do número de teléfono 986 552809 en quenda de tarde, entre as 16.00 e as 21.00 horas.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, quixo convidar aos veciños e visitantes a formalizar canto antes a adquisición do lote, xa que a demanda de información e o interese previo apunta a unha edición "histórica, na que moi posiblemente se desborden as previsións polo prestixio e a sona da nosa festa, de interese turístico galego, pero xa moi coñecida en toda España".
Así, adiantou que todo apunta a que se volverán a encher con bastante rapidez os lotes de asado ata esgotar as 3.000 prazas para comensais nas que está fixado o aforo máximo da Carballeira de Santa Lucía e agradeceu o traballo e a colaboración dos mestres asadores, do sector da hostalería e do comercio, das industrias e de todo o pobo de Moraña "por contribuír para que o Carneiro ao Espeto sexa, máis que unha festa gastronómica, o noso gran embaixador e a festa volva a ser un rotundo éxito do que sentirnos orgullosos".