O cargador de móbiles que xera electricidade co abastecemento de auga
Por Alejandro Espiño
Pontevedra estreou o seu primeiro cargador para dispositivos móbiles que utiliza a corrente continua do abastecemento de auga para xerar electricidade. Foi instalado pola compañía Viaqua na Praza de Barcelos, xusto enfronte do colexio.
Esta non era a localización elixida inicialmente, xa que se pensou na Glorieta de Compostela. Pero segundo o concelleiro responsable do ciclo da auga, Xaquín Moreda, tívose que buscar outro emprazamento porque "non era a mellor".
Optouse así por buscar un lugar onde o paso da auga "fora continuo", de forma que non baixase a produción de electricidade, elixindo o ámbito de Barcelos ao ser por onde máis auga circula dentro do ámbito urbano.
Moreda destacou que este cargador é unha proposta "innovadora e autosuficiente", que emprega enerxía "100% renovable" e que contribúe a sensibilizar á cidadanía en cuestións ambientais e na loita contra o cambio climático.
Este cargador está composto por unha peana de aceiro inoxidable con tres soportes para a carga de todo tipo de dispositivos móbiles, entre eles teléfonos ou tablets, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida.
A peana inclúe unha base rectangular que permite, a través dun cristal reforzado antivandalismo, visualizar o equipo de xeración hidráulica, unha picoturbina que aproveita a enerxía hidráulica para producir a enerxía eléctrica.
Fornecerá unha potencia duns doce voltios, polo que segundo o concelleiro "será como se estiveras enchufado na casa". O seu uso será gratuíto para os cidadáns.
O Concello afirma que "imos ver como responde" e, se os resultados son satisfactorios, estudará instalar máis cargadores noutras zonas da cidade.
Este cargador, cuxa produción custa entre 7.000 e 8.000 euros, non custou nada ás arcas municipais, xa que é unha das melloras que Viaqua incluíu na súa oferta para adxudicarse o novo contrato de abastecemento de auga e saneamento en Pontevedra.