Sanxenxo esixe a Portos de Galicia a "paralización inmediata" das obras do Náutico
Por Redacción
A situación xerada pola construción dos novos pantaláns do Náutico de Sanxenxo "é xa insostible", asegura a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González. Por iso é polo que o goberno municipal requira a Portos de Galicia a "paralización inmediata" destes traballos que o club está realizando no Porto Deportivo Juan Carlos I para a construción desta instalación náutico-recreativa.
O executivo que preside Catalina González volve mostrarse contundente ao condenar os "gravísimos incidentes" rexistrados entre a plataforma SOS Panadeira e representantes do Real Club Náutico, que inclúen "agresións tanto a persoas como ao mobiliario urbano" do equipamento público que xestiona Nauta Sanxenxo. Os responsables municipais deixaron claro que non apoian "ningún acto violento nin vandálico por ningunha das partes".
Iso si, o Goberno local reitera o seu "total apoio" ás formulacións dos veciños contrarios a este proxecto e insistiu en que continuará empregando "as únicas vías lexítimas institucionalmente, que son a administrativa e a xudicial" para evitar que a entidade deportiva execute os pantaláns.
A alcaldesa recordou que este proxecto suscitou o rexeitamento frontal da Administración local, da empresa pública que xestiona o porto e dos veciños do municipio, como así o evidencia, sinala, a presentación de varios recursos ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela e ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Con todo, lamenta que Portos de Galicia non tivera en conta estas opinións á hora de autorizar a colocación duns pantaláns diante das praias dos Barcos e Panadeira, facendo prevalecer a competencia que ese organismo ten sobre a lámina de auga. "Por iso, esiximos entón que o ente autonómico asuma tamén a responsabilidade de manter a seguridade das persoas e bens nesa demarcación", comentou Catalina González.
Neste sentido, Catalina González asegura poñerse a disposición do presidente de Portos de Galicia para buscar alternativas a este proxecto "tan lesivo para Sanxenxo", se a viabilidade económica do Real Club Náutico depende da dotación deses amarres.
PIDEN MEDIOS Á SUBDELEGACION
Ao mesmo tempo que se dirixe a Portos de Galicia, a alcaldesa de Sanxenxo remitiu un escrito ao Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, reclamando que "poña todos os medios necesarios para manter a orde pública nesa demarcación e preservar a seguridade tanto das persoas como dos bens do porto".
E é que, tal e como recoñeceu a rexedora, malia que a Policía local permanece vixiante do espazo, sobre o que ten competencia Portos de Galicia, "os efectivos resultan insuficientes dada a envergadura dos feitos".
O NAUTICO ESTUDA QUERELARSE CONTRA SOS PANADEIRA
Nun comunicado de prensa, pola súa banda, o Náutico de Sanxenxo anuncia que os seus servizos xurídicos están estudando a posibilidade de querelarse ante as "calumnias" que están recibindo desde a plataforma SOS Panadeira. Desmenten "rotundamente" que contrataran a persoa algunha para que exercese a violencia sobre os integrantes da plataforma veciñal.
"A realidade como todo o mundo sabe é a contraria, o persoal da empresa construtora, os empregados e directivos do RCNS, os convocados á rolda de prensa celebrada o pasado 5 de febreiro, entre outros, veñen sufrindo desde hai meses a violencia, a coacción, os insultos, as pintadas, a destrución de elementos de traballo e a invasión da zona de seguridade protexida por parte dos integrantes de SOS Panadeira", sinala o Náutico.
O Real Club Náutico de Sanxenxo asegura que puxo a disposición da Garda Civil os vídeos tanto dos seus cámaras de seguridade como os realizados por persoal do mesmo "para que poidan comprobar a correcta actuación do persoal contratado".
Recoñecen iso si que ante a "tensa situación", víronse na necesidade de contratar a unha empresa de seguridade privada -OMBUDS Compañía de Seguridade S.A.- "homologada e autorizada polo Ministerio do Interior para a prestación de servizos de seguridade privada" para así protexer ao persoal da empresa construtora e garantir que puidese realizar as súas funcións "sen que SOS Panadeira lle increpase e impedise levar a cabo o seu traballo".