Rafael Iglesias: "CC.OO. aparece agora como o avogado defensor dos pelotas de Coserpont"
Por Redacción
Rafael Iglesias, do sindicato CIG, e os traballadores que representa na empresa Coserpont saíron en resposta ás declaracións efectuadas polos outros 26 empregados nas que criticaban que presentasen unha reclamación nos xulgados en contra do segundo intento de ERE que pretende afrontar a dirección da entidade. Os empregados que representa a CIG defenden o seu dereito a representar unha postura distinta á maioritaria e rexeitan un ERE extintivo que considere despedimentos con indemnizacións de tan só 20 días por ano traballado, como defende o grupo maioritario.
O ex secretario comarcal da CIG, Rafael Iglesias, quixo referirse ao incidente do 19 de febreiro cando se impediu entrar os representantes sindicais na asemblea na que se ían seleccionar á comisión negociadora do ERE. Segundo expón o sindicalista: "hai unha reglamentación e hai que facela adecuadamente. Non interrompimos. Queriamos entrar para ver que había furnas. Non nos deixaron entrar e chamaron á policía. As actas estaban feitas e os señores escollidos son os mesmos que mandaron por burofax as convocatorias".
Rafael Iglesias afirma que os traballadores que defende a CIG non están dispostos a aceptar as condicións que quere establecer Coserpont para os despedimentos "non ten sentido que veñan aquí dicindo que entorpecemos, cando moitos deses encargados cobran anticipos. E esta empresa ten centros como El Cafetín que vendeu 15 días antes do concurso de acreedores a unha sociedade na que participa o empresario Edelmiro González e o seu fillo. Están funcionando diversos centros e polo tanto ten recursos" para pagar unhas indemnizacións máis elevadas. E apuntou a que "se non paga é como medida de presión para que aceptemos a reforma laboral que un sindicato como CC.OO. non debería defender".
Sobre a intervención de Comisións Obreiras neste conflito, o sindicalista indicou que "agora en febreiro a empresa chama a CC.OO. que aparece como o avogado defensor dos 'pelotas' e recriminando que non aceptemos os 20 días por ano traballado. Coserpont fúndese como empresa e outra nova quere coller o patrimonio e falan de darlle traballo, pero non vai haber traballo para todos".
Rafael Iglesias rematou criticando o secretario comarcal de Comisións Obreras, José Luis García Pedrosa, "esta é a actitude de CC.OO., todo un modelo que representa moi ben García Pedrosa, que despois o 1 de maio falará do boa que é a unidade sindical. Non sei se serán cuestións económicas, pero non sabemos a que ven esta axuda á patronal".
Un dos traballadores aos que representa a CIG contestou a súa compañeira Eva Viñas sinalando que "nosotros llevamos más tiempo que ella y sabemos lo que hay en la empresa. Tenemos que defender los derechos de los trabajadores. Y respecto al otro compañero que dice que no hay 'pelotas' en esta empresa, tengo que decir que los hay y muchos."
Relacionadas:
-
A maioría do plantel de Coserpont arremete contra a CIG e é partidaria do ERE presentado pola empresa
Por Anxo Lourido |
-
A CIG denuncia novas irregularidades por parte de Coserpont na negociación doutro ERE
Por Redacción |
-
O xulgado tomba o ERE de Coserpont, que afecta a 34 traballadores
Por Redacción |