O Concello repartirá 40.000 euros entre os colectivos de Sanxenxo para incentivar propostas culturais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Promover e incentivar propostas culturais no tecido asociativo do municipio e apoiar as programacións de colectivos locais, son os obxectivos que se perseguen coa convocatoria de subvencións que se poñerá en marcha, por primeira vez, desde o Concello de Sanxenxo, dotada con 40.000 euros.
A iniciativa foi presentada este luns no salón de plenos ante representantes de asociacións locais.
As actividades obxecto da subvención teranse que desenvolver desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro deste ano. Os beneficiarios deberán ser asociación sen ánimo de lucro validamente constituída e inscrita no rexistro municipal, realizar actividades de carácter cultural no municipio, non estar incurso en ningún suposto de incapacidade ou incompatibilidade, estar ao corrente das obrigacións tributarias e cumprir cos requisitos da Lei Xeral de Subvencións.
As actividades ou programas subvencionables serán as actividades culturais en todas as súas vertentes e as festas etnográficas, tradicionais e de valor histórico e cultural. Con todo, non poderá ser sufragado con cargo a esta subvención os gastos derivados da organización dunha festa gastronómica, as viaxes de lecer, a realización de obras, os gastos de funcionamento e gastos correntes da entidade, os gastos de instrumentos e vestiarios, ou as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias municipais.
O importe da subvención non poderá superar en ningún caso o 80% do proxecto. O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria.