O aparcadoiro de Nauta viviu o mellor mes de maio desde a súa apertura
Por Redacción
As cifras de recadación no aparcadoiro de Nauta seguen en ascenso o que supón un bo termómetro da actividade económica do municipio.
Tras un ano de récord, o pasado mes de maio o aparcamento público facturou 36.660 euros, o dato máis alto desde a súa apertura neste mes.
Unhas cifras que se conseguen, a pesar de que se mantén, desde o ano 2020, dúas horas de estancia gratuítas para os veciños empadroados no municipio, co obxectivo de facilitar as súas xestións e compras no centro da localidade. Unha vantaxe da que xa gozan máis de 3.000 veciños.
Durante o pasado mes de maio, o aparcadoiro rexistrou un total de 10.852 tránsitos cunha media diaria de 350 vehículos por día e unha estancia media de 50 minutos.
Os maiores picos de facturación en maio producíronse as fins de semana, empezando os venres e ata o domingo.
Cabe lembrar que o aparcadoiro público Nauta Sanxenxo pechou 2023 cun novo récord de recadación, 637.688 euros, a cifra máis alta desde a súa apertura.
Os meses de maior facturación coincidiron cos meses de agosto (186.285 euros), xullo (135.326 euros), setembro (60.436 euros) e xuño (53.648 euros).
As instalacións dispoñen dun total de 584 prazas repartidas na planta pública interior (206), a exterior (200) e o aparcadoiro privado (178)