A Praza da Constitución de Cuntis xa figura como parque sen fume
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Desde hai uns días o parque infantil da Praza da Constitución de Cuntis permanece integrado na Rede de Parques sen Fume coa intención de reducir o consumo de tabaco entre a poboación, en especial entre a mocidade.
O Concello de Cuntis súmase, desta forma, á iniciativa que impulsa a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.
Nestes días, segundo explica o alcalde Manuel Campos, instalábase o panel informativo correspondente á entrada do parque, un punto habitual de xogo para escolares e zona de encontro para a veciñanza do municipio.
Tamén se están desenvolvendo actividades dentro do Programa de Detención de Condutas Adictivas con xornadas informativas sobre tratamentos efectivos para deixar de fumar.
Este martes 11, ás 20.00 horas, está prevista unha charla sobre esta cuestión na Biblioteca Pública Roberto Blanco Torres.
Tamén ao longo do curso están a desenvolverse obradoiros sobre tabaquismo no Centro de Formación Ocupacional do Polígono da Ran dirixidos a alumnado de sexto de Primaria e de ESO.
O Concello tamén lembra que se ofrece un servizo de asesoramento psicolóxico para deixar de fumar. As persoas interesadas deben chamar ao teléfono 986.592.222 ou enviando un correo electrónico a prevenciondrogodependencias@concellodecuntis.es
"No Concello apostamos polos hábitos saudables e defendemos o incremento de espazos que estean libres de fume, como queremos que sexa no caso da Praza da Constitución", indica Manuel Campos.
Esta área infantil é a segunda da comarca do Umia que se incorpora á rede, xunto ao parque municipal de Santa María, no Concello de Moraña.