Vilagarcía contratará doce socorristas para vixiar as súas praias desde o 1 de xullo
Por Redacción
Ata doce socorristas vixiarán as tres praias de Vilagarcía de Arousa, Concha-Compostela, Campanario e Preguntoiro, durante a temporada de verán. A intención do goberno municipal é que este servizo estea activo desde o 1 de xullo.
Os contratos terán unha duración de tres meses e serán a xornada completa.
As persoas interesadas en participar nas probas deben inscribirse o día 14 de xuño a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcía.gal) ou presentando a instancia por rexistro.
Vilagarcía xa remitiu a oferta de emprego ao Servizo Público de Emprego co obxectivo de que se cite ás persoas inscritas nas súas listas para a selección que levará a cabo o 19 de xuño.
As bases que rexen o proceso para a contratación dos doce socorristas están dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello e na sede electrónica.
Nelas especifícanse os requisitos a cumprir polos aspirantes, a documentación a achegar na solicitude de inscrición e o sistema de realización das probas teórica e práctica.