Seres indóMITOs: Xosé Fortes
Se hai un ano marcado a lume na historia do noso país e na do noso protagonista ese é o 1975. Curiosamente ese mesmo ano un mozo Bill Gates pronunciaba aquela histórica e profética frase na que manifestaba a súa aspiración a que houbese un ordenador en cada casa. O recordo desta frase non é casual, pois parafraseándoa, se algo nos gustaría a aqueles que coñecemos a Fortes é precisamente iso, que houbese un en cada casa.
Pepe Fortes concentra na súa persoa non sei se todos, pero desde logo unha cantidade considerable de bos atributos que a calquera lle gustaría ter preto e para si.
Hai unhas semanas outro medio titulaba unha entrevista a Fortes coas palabras "lido e feminista" e aínda compartindo eses, engadiría un terceiro, "soñador", pero dos que saben que os soños trabállanse aínda conlevando riscos e aínda que sexan tan grandes e esperanzadores como o de traer de novo a Democracia a España.
-Dime unha pregunta que nunca che gustou que che fixesen.
Ningunha, non existe ningún tema tabú para min.
-Quen é Pepe Fortes?
É un home de 90 anos cunha vida moi dilatada.
-Como é a túa relación con Pontevedra?
Boa. Como diría aquel, é a cidade na que estudei o bacharelato. A de un. Nacín en Cotobade pero moi novo vin para aquí. Son pontevedrés e sempre defendín a cidade. Fun concelleiro precisamente para iso, especialmente para salvala das atrocidades que se pretendían facer en urbanismo. Salvei a zona de A Xunqueira cando as máquinas xa estaban alí metidas.
-Como lembras a casa na que te criastes?
Estaba en Cotobade. Era unha casa á que se lle vían as "costuras", da reconstrución que fixera o meu avó, cunha finca cunhas colleitas boas. Lembro que nunca faltaba o café porque o meu avó estivera en Brasil e se volvera moi cafetero. Éramos pobres, pero quizais os menos pobres da aldea, por iso o meu mestre animou a que me trouxesen a Pontevedra a continuar os meus estudos pois alí xa non tiña moito máis que facer. Éramos 6 naquela casa: a miña nai, as miñas dúas tías e os meus avós, aínda que o meu avó morreu cando eu tiña só 6 anos.
-Creciches entón rodeado de mulleres, de que forma influíu iso na túa educación?
Influíu moito. Coa morte do meu avó prodúcese un gran cambio na miña vida pois por primeira vez paso a ter habitación propia, o que foi un cambio cualitativo a mellor, aínda que tamén implicou outros a peor, pois moi novo empecei a encargarme do que se consideraban tarefas masculinas como segar, arar, preparar a leña… Na aldea educábase en masculino ou en feminino sen sospeita da máis mínima ambigüidade.
-Que che queda da túa etapa polas aulas?
Quédame a idea de que cambiamos a educación. No meu instituto deseñamos un horario que custou moito que fose aprobado pero que anos máis tarde a propia Consellería copiou, usándoo como modelo en toda Galicia. Esforzámonos por potenciar as competencias transversais, por implantar a semente da curiosidade no noso alumnado, e para iso desenvolvemos un sen fin de actividades nas que contamos coa axuda de auténticas eminencias en distintas materias. Foron os mellores anos da miña vida.
-Algunha anécdota que lembres especialmente?
A do día que prohibín fumar ao alumnado na clase. Por entón fumábase en todas partes, ata Felipe no escano. Ao día seguinte de comunicar a norma apareceu unha pancarta que dicía "Se fuma o patrón, fuma o mariñeiro", polo que tiven que pedirlle ao profesorado que tamén deixase de fumar dentro da aula (risas).
-E da túa etapa polo exército?
Lembro o meu empeño por potenciar a educación. Entendía o exército como "escola, taller e familia". O 30% da miña primeira compañía era analfabeto, polo que decidín pedir material para crear unhas tendas-aulas nas que os mestres da compañía ensinasen aos seus compañeiros.
-Que lle dirías ao Pepe Fortes dos 15 anos?
Que o romanticismo non é a mellor visión do mundo, que ía caducar.
-E ao dos 40, recén encarcerado?
Fixeches ben Pepe Fortes.
-Se te atopases co coñecemento en persoa e lle puideses facer unha pregunta, que lle preguntarías?
A verdade é que a estas alturas da miña vida non teño grandes dúbidas sobre case nada. Nin sequera sobre o máis aló. Desde hai moito son agnóstico porque sendo pequeno un cura díxome que tiña que escoller entre deixar de ler libros ou vivir en pecado mortal. Desde entón vivo en pecado mortal.
-Dime unha canción que che emocione
Grândola, Vila Morena.
-Que hai despois da vida?
O descanso.
-E se che digo 1789?
Aí empezou todo! Aínda lembro a festa que fixen na miña casa polo bicentenario da Revolución Francesa, todos disfrazados da época. Teño unha gran colección de libros sobre ese momento histórico.
-Un capricho que te dás con gusto?
Un bo viño, e ademais con iso son esixente. É un pracer de Deuses.
-Que opinas do uso da palabra "liberdade" por parte de certos políticos?
O uso dese concepto por parte de políticos como Ayuso é terrible. Pero sempre fixeron iso, xogar coas armas do inimigo. Proclaman unha liberdade de "sálvese quen poida", e como eles poden salvarse porque teñen medios pois ao resto que lles dean. Eu non concibo o mundo sen a solidariedade, que é o que sustenta o Estado do Benestar. Do mesmo xeito defendo os impostos, aqueles que temos máis debemos pagar máis. Logo hai quen di que non ve pobres, como o conselleiro de Ayuso. Eu si os vexo por desgraza.
-E de que se use o termo "ditador" con Pedro Sánchez?
Terrible. É o insulto máis grande que se poida usar. Eles, que son herdeiros da ditadura van de "non ditadores", ou de libertarios como se fan chamar, porque toman cañas…
-Que perigos enfrontamos como sociedade hoxe en día?
O perigo xudicial. Antes os golpes de estado dábanos os militares, agora esa función exércea o sistema xudicial, sendo o tapón dos avances que necesitamos como país. Defenden ao conservadurismo, está demostrado.
-Que nos xogamos nas eleccións de hoxe?
A Europa que está por vir. As mulleres teñen moito que perder porque os seus dereitos aínda non están asentados e é unha cuestión de Dereitos Humanos. Teño amigos que din ser feministas, pero logo engaden que lles molesta as présas que teñen as mulleres agora por reivindicar o que lles pertence. Non o entendo. Como non van ter présa se levan séculos cunha lousa na cabeza? E aínda engaden que non son machistas… Ademais, se gaña o PP con moita diferenza temo unha continua petición de dimisión do Presidente Sánchez, un sen sentido porque non se está valorando ao Presidente.
-Temos a clase política que nos merecemos?
Non.
-Pero se é a que eliximos nós…
O truco está en que na democracia que deseñamos, todas as persoas poden votar, incluídas as persoas analfabetas (en todos os sentidos) e iso sempre beneficiará á dereita. Por iso atacan á Educación Pública sempre que gobernan. Para ser de esquerdas necesítase manexar certa cultura, e non falo de títulos universitarios, falo de coñecemento. As proclamas baleiras son moi fáciles de repetir, o difícil é falar de xustiza social, de equidade, de dereitos humanos…
-A quen votaches nas túas primeiras eleccións nas que non foses candidato?
Ao PSG.
-Cando dixeches por última vez te quero?
A verdade é que non emprego esa expresión, pero si outras con frecuencia, tanto con homes como con mulleres.
-Que che queda por facer?
Pois agora mesmo teño un libro en imprenta e estou terminando outro para que lles quede aos meus netos nun futuro. Serán eles quen o publicarán, se queren, pois é un libro que necesita certo tempo de maduración.
E para finalizar, a quen che gustaría ver nesta sección?
A Luciano Varela ou a César Portela.
Para Pepe Pontevedra sabe a tapas, cheira a sosego, é de cor primaveral e soa a infancia. Definitivamente, Pepe Fortes sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
− Nunca saio da casa sen… a carteira e as chaves.
− Na miña neveira sempre hai… cervexa.
− No meu armario destaca… o pouco que hai.
− A idade é… adaptarse á perda de cousas.
− Sempre fun o ollo dereito de… a miña filla
− Pontevedra ten alma de… certa antigüidade.
− Creo en… nada (no sentido de fe).
− O ano que marcou a miña vida foi… 1974.
− O mellor agasallo que me poden facer é… libros.
− O meu lugar no mundo é… ser pai e avó.
− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Francia ou Italia.
− O meu momento favorito do día é… a mañá.
− Pontevedra… boa vila.