A Subdelegación do Goberno, condenada a indemnizar un traballador por un accidente na súa sede de Pontevedra
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra deberá pagar preto de 260.000 euros a un técnico en telecomunicacións que traballaba na súa sede cando sufriu un accidente. A indemnización ten unha recarga do 30% pola falta de medidas de seguridade no seu centro de traballo.
O Xulgado do Social número 3 de Pontevedra condena á Subdelegación para indemnizar a este traballador con 160.000 euros por danos e prexuízos derivados do accidente de traballo, ocorrido en marzo 2019 cando o técnico, de 53 anos, tropezou nunhas caixas de cartón amontoadas nun lugar inadecuado.
Tras o tropezón, caeu e a caída xeroulle severas lesións que o deixaron incapacitado. Foi dado de baixa co diagnóstico de traumatismo torácico e posteriormente diagnosticado de insuficiencia valvular mitral masiva, o que requiriu unha intervención cirúrxica urxente o 12 de xuño de 2019 no Hospital Fátima de Vigo, abonada polo propio traballador, xa que ninguén se facía cargo da mesma e era un emerxencia vital.
O traballador presentou unha demanda de impugnación de alta médica, que foi desestimada, e foi dado de baixa por enfermidade común. Con todo, o Instituto Nacional da Seguridade Social recoñeceulle a invalidez permanente total derivada de enfermidade común en marzo de 2021.
O traballador, non conforme coa continxencia, acudiu ao bufete Castreje Avogados, logrando que o Xulgado do Social e o TSXG declarasen que a invalidez derivaba dun accidente de traballo.
Ademais dos danos e prexuízos, a Subdelegación tívolle que pagar ao traballador 94.000 euros polo seguro de convenio, pois o xulgado modifica a continxencia de enfermidade común que se establecía a este traballador por accidente de traballo.