Fin de semana de contrastes climáticos nas Rías Baixas coa entrada dunha dana
Por Redacción
A aproximación dunha depresión illada en niveis altos (dana) que se atopa nos Azores provocará unha situación inestable durante as próximas horas nas Rías Baixas, segundo indica a Axencia Estatal de Meteoroloxía ao anunciar a presenza dunha masa de aire máis quente do normal.
Este venres 7 preséntase un aire moi cálido en superficie con temperaturas entre os 19 e os 34 graos no sur da comunidade, e frío nas capas altas da atmosfera. Con esta situación espéranse chuvascos tormentosos, acompañados de aparato eléctrico con máis intensidade na provincia de Pontevedra, principalmente durante a tarde. Os ventos soprarán frouxos do nordés, segundo sinala Meteogalicia.
Durante o sábado manterase esta inestabilidade atmosférica. Os ceos permanecerán nubrados, con chuvascos, que serán máis ocasionais durante a tarde. As temperaturas situaranse entre os 16 e os 23 graos, experimentando un notable descenso das máximas. O vento continuará soprando frouxo do nordés, moderados na zona do litoral.
Xa o domingo 9 espérase que Galicia se manteña baixo a influencia anticiclónica, con circulación de ventos do nordeste. Os ceos presentaranse nubrados en xeral, con menos nubes no litoral atlántico. As temperaturas moveranse entre os 14 e os 26 graos.
A partir do luns, Meteogalicia indica que se irá recuperando a influencia das altas presións con temperaturas que se situarán nos 11 graos de mínima e con máximas de 24, situación que se manterá ata mediados da semana.