Novo equipo de lavado a presión para a limpeza viaria de Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Poio incorpora un novo equipo de lavado a previsión con depósito, unha máquina que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, "permitirá intensificar, reforzar e dar un salto cualitativo moi importante na limpeza viaria e das beirarrúas".
Xunto co deputado provincial Javier Tourís, comprobaron en Combarro, na rúa Pedaporta, o funcionamento da máquina. Nos próximos días programarase a limpeza nos diferentes espazos e beirarrúas de todas as parroquias.
Este novo equipo de limpeza inclúe unha bomba de alta presión accionada por un motor de gasolina de catro tempos e dotado con depósito de auga, mangueira e lanza e prato lavapavimentos. Todo elo montado sobre remolque homologado para circulación por vía pública e totalmente pechado.
"Permitirá facer unha limpeza moito máis profunda das nosas beirarrúas, o que redundará nunha imaxe máis limpa, pero tamén mais segura. Eliminará toda esa sucidade que se acumulou durante anos, pó, o verdín que prolifera nas zonas máis sombrías como consecuencia da elevada humidade ou outro tipo de substancias", engade.
A maiores deste equipo, o Concello de Poio tamén incorporará nas próximas semanas, a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, un equipo de pavimentación en quente e un cazo para recoller as algas da praia.
Para adquirir estas tres máquinas novas para obras e servizos destinaranse 43.681 euros. En canto ao equipo de pavimentación en quente, permitirá substituír á cisterna antiga por unha maquinaria máis eficiente e moderna que se destinará a bacheado e aglomerado.
Consiste nunha cisterna para emulsión asfáltica dotada de queimador de gas e dunha prancha vibrante compactadora reversible. Todo elo montado sobre remolque homologado para circulación por vía pública e totalmente pechado.
O cazo para recollida de algas acoplarase á pala permitindo mellorar o acondicionamento das praias do municipio.