Anulan unha multa de 2.000 euros por contrabando a unha hostaleira porque non se demostrou que tivese o tabaco para vender
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de dar a razón a unha hostaleira de Barrantes (Ribadumia) que no ano 2019 foi denunciada e sancionada con 2.000 euros e o peche do seu negocio durante unha semana por ter no seu negocio seis paquetes de tabaco da marca Marlboro sen marcas fiscais.
Os paquetes foron atopadas pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Pontevedra sobre un andel da cociña e cualificárono como unha infracción administrativa leve de contrabando, pero a hostaleira recorreu a sanción. Foi sancionada pola Axencia Tributaria, reclamou ante o Tribunal Económico-administrativo Rexional de Galicia e, unha vez desestimada a súa petición, acabou na vía xudicial. Agora, a Sala do Contencioso do TSXG dálle a razón e anula a multa e o peche do negocio sete días.
A hostaleira, representada por Francisco Javier Pérez Vázquez, do despacho IMASD Avogados, tamén logrou que o TSXG lle impoña o pago das costas do proceso ao Estado, como Administración que a sancionou, ata un máximo de 700 euros.
A sanción impuxéronlla por presuntamente ter no seu negocio estas seis paquetes con fins comerciais e ela pedía anulala por varios motivos, entre eles, vulneración do principio de presunción de inocencia e falta de proba directa da comercialización do tabaco.
Na acta de denuncia, do 12 de xaneiro de 2019, a Garda Civil di que estes paquetes tíñaas na súa cafetería de Barrantes sen as preceptivas precintas ou marcas fiscais acreditativas de pagar o imposto correspondente e o acordo sancionador considera probada a tenencia con fins comerciais e detalla que no negocio realízase de forma habitual a venda de tabaco.
A hostaleira, con todo, nega que os paquetes as haxa adquirido con fins comerciais. Explica que o tabaco foi atopado sobre o andel da cociña do establecemento, lugar que non pertence á parte aberta ao público; e que o tabaco o comprou nunha viaxe que fixo a Andorra a principios de decembro de 2018. Comprou para o seu consumo dous cartóns de tabaco de Marlboro.
A sentenza do TSXG sinala que a discrepancia entre as partes radica en determinar se quedou demostrada esa finalidade comercial e conclúe que, tendo en cuenta que os axentes non observaron persoal e directamente a comercialización do tabaco, non hai “proba suficiente” para destruír a presunción de inocencia. Apunta tamén ao “escaso número de paquetes aprehendidas”, e a súa localización nun lugar non accesible aos clientes, fóra do seu alcance visual.
O TSXG recoñece que comprou en Andorra dous cartóns de tabaco (400 cigarros), unha cantidade “superior á legalmente admitida con exención da obrigación de declarar a súa importación aínda no suposto de destinarse ao consumo particular (300 cigarros)”, pero anula igualmente a sanción porque o que se lle sanciona é ter as seis paquetes para fins comerciais e iso “non quedou suficientemente demostrado”.