"As marcas aínda teñen que afastarse dos estereotipos convencionais da muller en publicidade, hai moito traballo por facer"
Por Natalia Puga
Fundadora e DCE de Martians Creativity e directora creativa da Consultora Her especializada na muller consumidora, Marta Llucià destaca pola súa participación en iniciativas que promoven a diversidade e visibilidade da muller no campo creativo e a industria publicitaria. Desde esa perspectiva, tomou a palabra este xoves en Pontevedra no congreso de márketing Flúor.
Llucià impartiu a conferencia 'De minorías a maiorías. O ascenso imparable da diversidade' e, en declaracións posteriores aos medios, analizou o papel da muller no sector publicitario. Para esta especialista, "quédanos moito traballo por facer, sobre todo o tema de estereotipos".
"Eu creo que as marcas aínda teñen que traballar nas súas comunicacións, afastarse un pouco dos estereotipos convencionais da muller en publicidade, están moi marcados e hai moito traballo por facer agora", explica esta profesional, que liderou a transformación creativa en axencias independentes e multinacionais e xestionou marcas como BMW, Ikea, Nike, Aldi, Vodafone, Beko, Mango, Yoigo ou Banco Santander.
Marta Llucià considera que, nestes momentos, o máis complicado, para loitar contra eses estereotipos, é lograr chegar a sectores aínda "moi masculinizados" como a automoción ou o mundo financeiro, nos que "o rol da muller aínda non está tan ben representado".
Un dos seus logros máis destacados é a campaña global 'Eat Like a Pro' para Beko, recoñecida con prestixiosos premios, na que aborda o problema da obesidade infantil botando man de pais e futbolistas do FC Barcelona.
Desa campaña explica que "ti cando lle dis ao teu fillo 'cómeche o brócoli', custa moito que che faga caso, pero cando llo di Messi ou llo di un Cristiano Ronaldo ou un gran xogador ou os seus heroes fanlles caso". Partindo desa base, utilizaron aos xogadores do Barça para que axudasen "para cambiar roles, comportamentos, condutas".
A conferencia de Marta foi a segunda da primeira xornada do congreso Flúor, cita referente para os profesionais de márketing, publicidade e comunicación que se celebrará durante dous días, este xoves e este venres.
Este xoves inaugurárono o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o conselleiro de Emprego, José González Vázquez; e o presidente do Clúster de Comunicación de Galicia e director do congreso, Alberto Garnil.
Garnil destacou que, tras seis edicións, este congreso converteuse nun evento de referencia que atrae a Pontevedra a empresas de toda España mentres que Lores destacou que a cidade se enche estes días de talento, confirmándose como "unha cidade creativa" que "exporta talento internacional".
O conselleiro, pola súa banda, puxo o foco na importancia da "dixitalización e a innovación" para os negocios na actualidade, destacando que "Galicia é unha terra de emprendedores".
O congreso reuniu este xoves na sede de Afundación en Pontevedra a 600 persoas, o aforo completo, e tivo como momento destacado da xornada a conferencia de Luis Bassat, un referente no mundo da publicidade, recoñecido con máis de 400 premios e galardoado como o mellor publicitario do século XX.
Este xoves o programa de Flúor inclúe a máis de 15 relatores de empresas punteiras como Fnac, Jägermeister, Hoteis NH Collection, Finetwork, Pilgrim e Adidas.
Programa e horarios dispoñible en: https://congresofluor.com/programa/