Autorizan 199 ambulantes para instalar postos de venda no mercado de Baltar
Por Redacción
Un total de 199 profesionais teñen permiso para instalar un posto no mercado de Baltar (Adina), en Sanxenxo. As autorizacións para exercer a venda ambulante concedéronse este luns na Xunta de Goberno Local, que deu o visto e prace á proposta da Concellaría de Facenda, Economía e Emprego relativa á renovación de licenzas.
Os 199 vendedores teñen permiso para instalar un posto nalgunha das dúas xornadas de actividade no recinto ou en ambas as dúas, é dicir, o luns ou o xoves en horario de 9.00 a 15.00 horas. Hai un total de 156 postos e 199 profesionais porque non todos ocupa a praza o dous días de celebración do mercado.
O sector téxtil, no que se inclúe roupa de fogar, infantil, de señora, de cabaleiro e lenzaría, continúa constituíndo unha das principais áreas do recinto aínda que os usuarios desta feira poden adquirir tamén calzado, bixutería e complementos.
Froitas e hortalizas, queixos, embutidos, bacallau, bombóns, pan, empanadas e churros, son outros dos produtos que os compradores poden encontrar no mercado; ao igual que artesanía, plantas, cerámica, bixutería, discos, bazar, entre outros.
Todos os vendedores deben ter en regra a documentación e carecer de débedas pendentes co Concello de Sanxenxo, no que ao pagamento da taxa municipal por ocupación de vía pública se refire, así como non incumprir o número de faltas de asistencia determinado no Regulamento de Mercados en relación á perda do posto. De feito, non se renovou e permiso a dous comerciantes ambulantes por non exercer a súa actividade ou por falta de pagamento das cotas.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe os permisos para os 21 vendedores que solicitaron autorización para exercer a súa actividade no mercado que se celebra os martes en Vilalonga. Pastelaría, bacallau, xamóns e embutidos, froitas e hortalizas, cítricos, e froita ecolóxica, sandias, téxtil, calzado e bixutería e complementos é o xénero dispoñible nesta feira semanal.